A Copa Galicia Feminina de fútbol sala desembarca en Riazor
O
mellor fútbol sala feminino de Galicia aterra na Coruña. O Palacio
dos Deportes de Riazor vestirá as súas mellores galas durante os
días 20 e 21 de abril para albergar a XIII edición da Copa Galicia
Feminina de fútbol sala, un evento único que organiza a Real
Federación Galega de Fútbol coa colaboración do clube anfitrión,
o Viaxes Amarelle FSF.
Nesta
nova edición do torneo tomarán parte catro equipos, que se xogarán
o pase á gran final do domingo 21 de abril nas semifinais que terán
lugar durante a xornada do sábado sobre o parqué do coliseo
herculino.
Así,
a primeira batalla por unha praza na finalísima comezará ás 18.30
horas e enfrontará ao Ourense Envialia co Cidade de As Burgas nun
derbi que promete fortes emocións. A outra semifinal arrincará ao
fío das 20.30 horas e nela veranse as caras o Burela Pescados Rubén
e o Viaxes Amarelle FSF.
A final desta XIII edición da Copa Galicia Feminina de fútbol sala disputarase o domingo a partir das 12.30 do mediodía.
A canteira do fútbol sala feminino galego tamén terá un papel protagonista na Coruña, debido a que paralelamente á disputa da Copa Galicia sénior celebrarase a II Minicopa para a categoría infantil. Nesta cita tomarán parte as canteiras dos catro clubs participantes na competición sénior.
A
primeira semifinal, prevista para as 16 horas, enfrontará ao Ourense
Envialia co Cidade de As Burgas, mentres que o segundo enfrontamento
disputarase a partir das 17 horas e medirá ao Burela Pescados Rubén
co Viaxes Amarelle FSF. O campión decidirase na gran
final do domingo, que arrincará ás 10.30 horas da mañá.