Aberto o prazo de solicitude para o uso de instalacións deportivas municipais

A utilización das instalacións deportivas municipais suxeitaranse ao previo pagamento do prezo público estabelecido na ordenanza fiscal correspondente, agás que...

 

Ábrese prazo de solicitude para o uso de Instalacións Deportivas Municipais durante o curso 2016/2017 para as entidades deportivas do Concello, centros escolares e entidades veciñais.

Considérase que a tempada 2016/2017 cómpre desde o 15 de setembro 2016 ata o 30 de maio de 2017. Os adestramentos en períodos vacacionais, de pretemporada, a modificación dos horarios concedidos ou solicitude de novos horarios deberán solicitarse por rexistro ao Servizo Municipal de Deportes. A entidade deberá presentar inescusablemente nos rexistros municipais a documentación requirida na convocatoria.

Prazo de presentación de solicitudes: do 1 ao 15 de xullo ambos inclusive

Publicación da resolución: 19 de agosto

REQUISITOS PARA SOLICITAR AS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS As entidades deportivas que pretendan solicitar a utilización das instalacións deportivas municipais deberán reunir os seguintes requisitos:

  1. Estaren rexistradas oficialmente no Concello de Arteixo.
  2. Teren domicilio social dentro do termo municipal do Concello de Arteixo.
  3. Seren entidades sen ánimo de lucro.

DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA TRAMITAR A SOLICITUDE:

  1. Modelo oficial da solicitude. (Anexo I)
  2. Relación de deportistas que utilizarán as instalacións (Anexo II). Deberase adxuntar unha copia por cada categoría.
  3. Calendario oficial de competición

NORMATIVA DE APLICACIÓN

Regulamento de Instalacións Deportivas e Escolas Deportivas Municipais do Concello de Arteixo, publicado no BOP de 6 de novembro de 2015

As autorizacións son unicamente para actividades de adestramento, non incluíndo nelas as competicións oficiais, que no seu caso deberán solicitarse expresamente acompañando inescusablemente o correspondente calendario de competición federativa.

As entidades confirman mediante a sinatura da solicitude de uso de instalacións deportivas municipais que todas as persoas participantes que fagan uso da mesmas, están en posesión da licenza federativa correspondente, así coma que a entidade dispón dun seguro de responsabilidade civil. O club ou entidade usuaria farase responsábel dos posibles danos  da instalación que poidan producirse polos seus xogadores, adestradores, persoal  auxiliar e persoas asociadas, así coma dos accidentes deportivos

  • O horario de utilización das instalacións deportivas municipais será o que determine o Servizo Municipal de Deportes, previa solicitude de autorización por parte dos equipos ou persoas interesadas. O cadro de horario semanal estará exposto ao público na páxina web municipal e taboleiros das propias instalacións
  • A autorización que se outorgue non será superior a un ano, sen prexuízo das renovacións que procedan.
  • O resto de entidades e particulares interesadas/os na utilización deberán presentar unha solicitude semanal ou mensual o último día do mes ou semana anterior.
  • As concesións outorgaranse de acordo cos criterios técnicos do Servizo Municipal de Deportes á vista das solicitudes presentadas
  • O Servizo Municipal de Deportes terá en conta, entre outros, os seguintes criterios para adxudicar o número de horas semanais de utilización:

-          As Escolas Deportivas Municipais teñen preferencia na asignación de horarios.

-          Non ter instalacións deportivas propias

-          O nivel de competición e categorías federadas, así como a esixencia segundo as modalidades deportivas.

-          O número de categorías inferiores

-          O número de licenzas federativas en cada hora solicitada, valorando segundo este aspecto a posibilidade de compartir instalación.

-          A promoción do deporte feminino

-          Que o deporte se adapte ás características da instalación a utilizar

-          Que sexan grupos estábeis, como medio de favorecer o asociacionismo deportivo, fronte a grupos informais, inestábeis e faltos de estrutura

-          Que colaboren cos intereses do SMD

  • Dentro do horario lectivo, terán acceso preferente ás instalacións deportivas municipais os centros escolares de Arteixo, unicamente para impartir a materia de Educación Física
  • Fóra do horario escolar, a preferencia establécese en beneficio das entidades deportivas do municipio.
  • Os adestramentos en períodos de pretempada, vacacións e/ou festividades, a modificación de horarios concedidos ou solicitude de novos horarios deberán solicitarse a través do rexistro municipal.
  • O Concello pode introducir a modificación dos horarios aprobados cando razóns urxentes de interese público o esixan. Tal continxencia seralle notificada ás persoas afectadas e, sempre que sexa posíbel, trasladarase a autorización de uso a outro día ou a outra banda horaria.
  • Os deportistas da entidade autorizada, poderán entrar nos vestiarios da instalación, quince minutos antes da súa hora de uso, e deberán abandonalos ao máis tardar 20 minutos despois de ter rematada a actividade.
  • Para competicións oficiais o horario de entrada e saída aos vestiarios será o que determine o SMD tendo en conta os requirimentos das federacións deportivas correspondentes.
  • En horarios de adestramento, as bancadas non se abren ao público agás que exista excepcionalmente unha autorización do SMD, non podendo estar nas pistas deportivas nada máis que aqueles xogadores, técnicos, directivos e outro persoal auxiliar oficialmente autorizado.
  • É obrigatoria a asistencia do adestrador, do delegado, do directivo ou do profesor durante o desenvolvemento do adestramento e doutras actividades físico- deportivas, así coma a presenza dun responsable maior de idade durante o uso dos vestiarios
  • Para a solicitude de entidades de torneos e eventos deportivos deberán cubrir a folla de solicitude na que se deberá xuntar a seguinte documentación, cunha antelación mínima de dous meses á celebración do evento:

o        Folla de solicitude.

o        Memoria descritiva da actividade a desenvolver

o        Copia da póliza de seguro de responsabilidade civil

o        Achegar o orzamento aproximado de gastos e ingresos da mesma.

o        Memoria de execución da proba que deberá entregarse como máximo con 15 días posteriores á realización da proba ou do torneo.

  • Para establecer a designación horaria dos partidos de competición federada das entidadese clubs o SMD seguirán os criterios segundo a seguinte orde de preferencia:

o        1º Preferencia os equipos de categorías sénior sobre os júniors, xuvenís, cadetes, infantil, alevín e benxamín (segundo a categoría)

o        2º Preferencia aos equipos que compiten  en categoría internacional, estatal, autonómica, provincial, comarcal ou local (segundo o nivel da competición).

o        3º En caso de coincidencia de clubs nas preferencias, as entidades rotarán as preferencias en horario e día cada fin de semana

o        4º Actividades deportivas non federadas

  • O uso das instalacións durante unha ou máis tempadas non xera ningún dereito adquirido para as seguintes.

PREZO PÚBLICO

A utilización das instalacións deportivas municipais suxeitaranse ao previo pagamento do prezo público estabelecido na ordenanza fiscal correspondente, agás que exista convenio de colaboración en materia deportiva co Concello de Arteixo, de estabelecerse así no antedito convenio.