Campionato de España de Trial en Arteixo
O sábado 23 e domingo 24 de abril celébranse as dúas primeiras probas do Campionato de España de Trial 2022
As dúas primeiras probas do Campionato de España de Trial 2022 son en Arteixo. A organización do evento está a cargo do Club MotoMontañismo Arteixo en colaboración coa Real Federación Motociclista Española, a Federación Galega de Motociclismo e o Concello de Arteixo.
Prevese a asistencia de preto de 200 pilotos, entre os que se atopan algúns dos máis importantes deste deporte, tanto a nivel nacional como internacional. Está confirmada a presenza de Adam Raga, seis veces Campión do Mundo e sete veces Campión de España. Tamén, de deportistas de gran proxección como Jaime Busto, actual Campión de España, e os galegos Jorge Casais e Gabriel Marcelli.
Percorrido e corte de tráfico desde hoxe
Cada unha das probas de Trial consistirán na realización de dúas voltas a un circuíto que arrinca no Campo da Festa de Arteixo e discorre neutralizado polo paseo fluvial ata a Ponte de Loureda. Alí, os pilotos accederán ás zonas distribuídas polos montes da Penouqueira para posteriormente regresar ao Campo da Festa onde se sitúan dúas zonas “ indoor”.
- 1ª proba dará comezo o sábado ás 10:00 e finalizará ás 18:00 horas
- 2ª proba, que será o domingo, iniciarase ás 8:00 e rematará ás 17:00 horas
As probas serán abertas ao público, aínda que, na zona do Campo da Festa o aforo será controlado por persoal de seguridade e estará limitado a 1.000 afeccionados. Para a organización, estarán afectadas distintas zonas nas que non se poderá acceder con vehículos ou estacionar, polo que compre ter en conta o seguinte:
- O parking do campo de fútbol, na Avenida Arsenio Iglesias, estará pechado ao uso público dende hoxe 21 de abril ata as 22.00 horas do domingo 24 de abril
- A Avenida Arsenio Iglesias, dende a rotonda da Avenida da Deputación ata a Piscina Municipal, estará pechada dende as 15.00 horas de mañá, venres 22, ata o domingo 24 de abril ás 22.00 horas. Non se poderá transitar nin estacionar na mesma.
- A contorna do Campo da Festa, estará pechada desde o hoxe, 21 de abril ás 16.00h, ata as 22.00 horas do domingo día 24.
- O domingo 24 de abril, estará aberto o aparcamento do Gadis, desde as 8.00 ata as 22.00 horas