En marzo pecha o prazo para solicitar as bolsas de deportistas da Deputación
A Deputación, consciente das dificultades polas que están a pasar moitos deportistas de disciplinas individuais, especialmente nas fases de iniciación, convoca cada ano estas bolsas en dúas categorías.
A primeira irá dirixida aos deportistas entre 10 e 17 anos, e a segunda aos que teñen entre 18 e 21 anos. Cada unha das categorías conta con 10 bolsas de 2.500 euros, sendo o orzamento total para este fin de 50.000 euros.
Para acceder a estas axudas, que son compatibles con outras achegas públicas ou privadas, os interesados deberán ser residentes nalgún dos 94 concellos da provincia, pertencer a un dos deportes incluídos no programa oficial dos últimos Xogos Olímpicos, dispoñer da licenza deportiva vixente desde o 1 de xaneiro do presente ano e acreditar o nivel deportivo na modalidade practicada e a súa proxección nas previsións de futuro.
O reparto das bolsas realizarase segundo o fallo dun tribunal, composto por un representante da Deputación, outro da Comisión de Deporte e Mocidade e outras persoas con recoñecido prestixio no mundo do deporte. Este xurado valorará as solicitudes segundo uns criterios obxectivos e un reparto de puntos por méritos que tamén se dan a coñecer no boletín oficial.