O Club Natación Arteixo obtivo nove medallas no Campionato Galego de Verán
A representación do Club Natación Arteixo (CNA) volveu do Campionato Galego de Verán de categorías Infantil, Junior e Absoluto cun total de nove medallas.
O CNA acudiu ao Campionato Galego de Verán con 21 deportistas, 13 nadadores e 8 nadadoras, que participarán en 67 probas individuais e 16 remudas. A nivel individual, acadáronse un total de 8 medallas. Alba Gómez, nadadora de categoría absoluta obtivo catro medallas: tres ouros e un bronce. Na categoría junior, Nerea Pazos conseguiu un bronce e Nerea Iglesias fíxose con dous bronces e unha prata na categoría infantil. Ademais das medallistas, conseguiron meterse nas finais de diversas probas varios representantes do CNA: Tamara, Penélope, Xián, César, Luis, Daniel Fernández e Carlos Gómez.
A nadadora Alba Gómez Mesías foi tamén a gañadora do Trofeo Paula Carballido á mellor puntuación FINA en categoría feminina. O recoñecemento foille outorgado pola proba de 100 metros libre, que cun tempo de 58.36 acadou un total de 710 puntos.
No que respecta á competición en equipos, cabe destacar a participación en todas as remudas e a medalla de bronce acadada polas nadadoras absolutas na proba de 4x50 libres. O Club Natación Arteixo conseguiu ademais acadar os seguintes postos a nivel de clasificación por equipos: Categoría infantil 14º masculino, 11º feminino e 11º conxunto; Categoría junior, 15º masculino, 12º feminino e 14º conxunto; categoría absoluta, 9º masculino, 7º feminino e 10º conxunto.
Ademais dos logros deportivos conseguidos no Campionato Galego (nove medallas, un total de 24 finais desputadas, mellores marcas persoais e un trofeo á mellor nadadarora), dende o clube destacan a importancia “da convivencia das diferentes categorías que fixo deste evento un bo momento para crear un gran ambiente de equipo, cousa que o Club Natación Arteixo conseguiu con moi alta nota”. E sinalan tamén que “os compoñentes do CNA non perderon a concentración nin as ganas de animar a tódolos nadadores/as do club”.
Campionatos de España
A nadadora de categoría Alevín, Antía Gómez Taibo viaxou a Sabadell para participar no Campionato de España. Participou en dúas probas, 100 e 200 costas, probas nas que leva destacando dende que acadou as mínimas na Copa Galega Alevín. Antía nadou moi boas sensacións quedándose preto das súas marcas e acadando os postos 31 e 29 respectivamente.
Nerea Iglesias Muíño, gañadora de tres medallas no Campionato Galego, participou no Campionato de España Infantil en Madrid. Nerea participou na proba de 200 estilos con dous primeiros parciais moi rápidos, acadando o posto 29.
O CNA pecha así a tempada de competicións en piscina e voltará a competir en 1ª División na vindeira.