“Se o deporte escolar fora mixto, habería unha visión moi distinta do ámbito do deporte”
A asociación de mulleres deportistas galegas, Mudega, loita pola visibilización e o fomento do deporte feminino. Históricamente as xestas das mulleres no deporte pasaron desapercibidas. Por iso, dende Mudega loitan por conseguir que cada vez sexan máis as mulleres deportistas que actúen como referentes para o resto da sociedade.
A súa presidenta, Merce Barrientos, destaca a necesidade de tomar medidas dende a infancia para revertir esta situación.
A nova oleada feminista, tivo repercusión no deporte feminino? Pasou de estar mal visto que una nena fixera deporte a estar segregado. Considerábase que había deportes femininos e masculinos. Atribuese un xénero a actividades motrices que non teñen ningunha asignación de xenero e en base a iso, segregamos a sociedade. Se non hai referentes femininos que aparezan en prensa, televisión e estean normalizados, a xente non se lle ocurre facer unha actividade. Sucede, por exemplo, coa rítmica. Hai moi poucos rapaces pero non porque non poidan facela, se non porque non hai referentes. Por outra banda, as mulleres accedemos máis ao deporte no ámbito amateur, non profesional e menos pagado. A oleada de feminismo non conseguiu cambiar as estruturas básicas. Permite crear un relato distinto ao existente pero non o suficiente para que cambien as estruturas porque non é un cambio de hoxe para mañá.
Conseguir apoios económicos, é case unha utopía? Os patrocinadores do deporte feminino habitualmente son mecenas. Un patrocinador é unha institución ou unha persona coa que asinas un contrato a cambio dunha contraprestación, normalmente publicitaria. O deporte feminino ten unha presenza moi minoritaria nos medios polo tanto esa contraprestación é escasa. A nivel institucional, o Consello Superior de Deportes (CSD) segue permitindo que a Federación Española de Fútbol (RFEF) pague primas distintas a xogadores e xogadoras por representar ao Estado. A Asociación Futbolistas Españoles, na que non hai ningunha muller, debería solidarizarse coas compañeiras, deportistas profesionais pola discriminación que sofren de parte do Estado. As cantidades que se perciben saen do CSD e deberían ser fiscalizadas e cumprir a lei de igualdade e o estatuto de traballadores que di que polo mesmo traballo non se pode percibir diferente.
Se valoran menos os logros acadados no deporte feminino? Moitas veces nin sequera son conscientes de que se produzan. Eu estudei 400 horas de historia do deporte e só se estudian as xestas dos homes. Non aparecía nada relativo ao deporte feminino. Iso é dramático porque é unha realidade que non se percibe.
A situación se revirte con educación? A educación vaise construindo dende abaixo. Recordo unha situación na que José Ramón de la Morena na retransmisión dun partido, dixera estas palabras “pobre mujer que recogerá las colillas, las latas de cerveza y mañana tendrás que llevar a los niños al cole”. Dende Mudega, onde hai mulleres futbolistas, xornalistas deportivas e afeccionadas ao fútbol, mandámoslle unha carta, con cero resonancia, recriminando esas visión sesgada da sociedade. É moi difícil cambiar eses esquemas. Cámbiase dende abaixo. Cando se manteñen actitudes claras que deixan ver que as mulleres non teñen menos iniciativa, non son sumisas nin menos fortes. Pódese cambiar con medidas moi sinxelas como que o deporte escolar sexa mixto. Non supón máis inversión, só tomar unha decisión. Cando dou clases non permito grupos segregados, son de composición mixta e nótase maior participación. Se o deporte escolar fora mixto, terían unha visión moi distinta do ámbito do deporte.
Estades a piques de celebrar a Gala do deporte feminino pero houbo momentos en que tamén vos faltaron recursos… Nunha entidade sen ánimo de lucro, o apoio institucional é fundamental. Cando unha institución quere promover algo o apoia e se non, busca excusas. Salvo algunhas excepcións que axudaron decidamente como a Deputación de Pontevedra, o concello de Porriño, Ames ou Allariz, a resposta é moi tibia ou inexistente. Que para a institución que dirixe o deporte galego non resulte de interés o deporte feminino, deixa claro que hai que dar un xiro.