XVIII día do deporte na rúa
O vindeiro domingo 30 de xuño de 10.00 a 14.00 h celebrarase o XVIII Día do Deporte na Rúa, evento organizado polo Servizo Municipal de Deportes en colaboración con numerosas entidades deportivas do concello.
A través da actividade preténdese fomentar hábitos de vida saudables, achegando a actividade física e o deporte a toda a cidadanía; unha xornada na que o Paseo Fluvial se transforma no espazo deportivo máis multitudinario do deporte para todos de Arteixo, onde teñen cabida numerosas modalidades deportivas, desde os deportes máis coñecidos ata aqueles denominados minoritarios. Destaca o patrocinio das empresas colaboradoras, clubs e entidades deportivas, que ano a ano brindan o seu apoio para permitir a celebración deste día festivo do deporte arteixán, reunindo actividades deportivas que habitualmente poderían resultar inaccesibles.
Este ano organízanse máis de 30 modalidades deportivas, dirixidas a todas as idades. Para facer posible este evento participan máis de 100 monitores das diferentes entidades deportivas colaboradoras.
Tamén haberá exhibicións das Escolas Deportivas Municipais e diferentes clubs deportivos; e ao finalizar o evento en torno ás 14.00 h haberá sorteos de agasallos cedidos polas empresas patrocinadoras.