“Chegamos a xente que demanda diversidade de actividades dentro do pobo”
A Asociación O Grilo de Pastoriza traballa para “dinamizar o pobo”. Así o din dende a súa xunta directiva. Aínda que agora están centrados no Proxecto Porlier, durante todo o ano organizan actividades culturais e lúdicas para a xente de Pastoriza. Ademais, din, é a súa forma de contribuir a crear comunidade.
Cal é o obxectivo de O Grilo? Intentamos dinamizar Pastoriza, ese é o noso obxectivo e para o que naceu a asociación. As cousas que facemos están centradas aquí. Recuperamos a chave, facemos actividades como monólogos, debates, ocio infantil, o Entroido, a festa de O Grilo, a cea solidaria ou a festa dos callos. Tamén intentamos colaborar en todo o que nos piden como a comisión de festas que decidimos non organizar porque nos centramos en outro tipo de actividades.
É un traballo de todos os días? As actividades que facemos, menos a cena solidaria, son gratuitas. Na festa do Grilo cobramos só un euro por comer. A nosa financiación son os carnets de socios que son cinco euros ao ano e o traballo de venda de rifas, colaboracións, publicidade… Os proxectos pequenos se autonfinancian. Aínda que sempre hai que estar traballando moito e buscando axudas, como sucede por exemplo co proxecto Porlier.
A xente involúcrase? Temos un grupo de xente, dunhas vinte persoas, que nos coñecemos de fai anos e sempre botan unha man e están para todo. Nas actividades que programamos como os monólogos sempre vén un grupo dunhas 50- 60 persoas. Hai actividades que intentamos que sexan fixas, como o concurso dos mellores callos do mundo,o entroido, a festa do Grilo ou a cena solidaria e a xente xa espera que se fagan. En número de socios chegamos case aos 300 aínda que nos gustaría crecer máis e que a xente se vaia sumando. Estamos abertos a todo o que propoñan os socios, para axudarlles e empuxalos a facelo. Aínda que de momento non recibimos propostas pero este é un problema xeral do movemento asociativo. Temos por exemplo cousas como carpas ou material no que fumos invertindo que cedemos aos socios cando queren organizar algo.
A xente moza tamén participa? Involúcrase menos porque teñen máis opcións de ocio.Arteixo e Coruña están ao lado e moitas veces desprázanse para buscar ocio. Chégase máis a xente que ten menos opcións de ocio e que demanda ter diversidade de actividades dentro do pobo sen ter que desprazarse. Os monólogos teñen moito éxito e, por suposto, calquera cousa que fagas adicada a nenos e un éxito. Traballamos moito o tema infantil porque para os nenos hai moi pouco ocio en Pastoriza. Só hai un micro parque e por iso en calquera festa que facemos sempre hai unha parte moi adicada aos nenos. Está moi ben que fagan o campo de fútbol, unha reivindicación histórica pero os nenos queren saír a xogar e non teñen un sitio. Hai máis necesidades que o campo de fútbol como zonas de esparcemento para nenos e maiores.
As actividades axudan a crear comunidade? A intención é esa. Canto máis se colabore, máis se xunte a xente e máis se fale, máis actividades e puntos de unión saen. Na parte máis reivindicativa, aínda que non sexamos unha asociación de veciños, a xente vai contigo e faise máis grupo.
Contades coa colaboración do Concello? Colaboramos. A nivel subvención entramos como entra calquera asociación aínda que procuramos ser o máis independentes posible. Coa romería de San Miguel tivemos pequenas discrepancias. Comezamos a dinamizalo nós porque a xente viña a misa e marchaba. Pensamos en organizar algunha actividade nesas datas para que a xente quedara polo pobo e así o fixemos. O Concello falara con nós para ver cómo colaborar e, ao seguinte ano, fixérono eles e xa non contaron con nós. Cando fumos falar sobre a colaboración para a romería, dixéronnos que o programa estaba pechado. O importante é que o San Miguel se faga e a nós parécenos perfecto que fagan a romaría pero son actividades nas que nos gusta participar para que a xente tamén se involucre. Ademáis, para nós o San Miguel podía significar o presuposto para case todo o ano, coa comida e o bochinche. Cartos que logo se adicaban a actividades para a xente de Pastoriza e quitáronnos esa opción.
Na programación de actividades dende o Concello, deixanse de lado ás parroquias? Se non se deixaran de lado non estaríamos aquí. Ese é un dos motivos polos que nace tamén o proxecto Porlier. Salvando as distancias queremos facer algo similar a Festa 1900 e sácalo do centro de Arteixo. Está ben que se fagan cousas no núcleo de Arteixo pero hai que levalo tamén a outras parroquias. Cremos que se deberían impulsar máis as asociacións que hai. Non hai un enlace cultural coas asociacións e deberiase buscar unha relación e unha colaboración continua do concello coas asociacións, non que sexa sempre ao revés e sexa o concello a cabeza visible. O Concello tiña que dar as armas e a orientación as asociacións. Ademáis de dar difusión ás actividades porque moitas veces fanse cousas e a xente nin se entera.