Cómo crear unha asociación xuvenil?

Podes entrar no asociacionismo de dúas maneiras, uníndote a unha asociación xa constituída coa que te sintas identificado ou creando xunto cos teus amigos e amigas a vosa propia asociación xuvenil. Participar ou crear unha asociación permitiravos acceder a moitas axudas e recursos públicos ou participar en programas de...

As asociacións xuvenís son unha forma máis de expresión e de participación activa na sociedade. Os motivos polos que podedes dicir asociarvos poden ser moi variados: para achegar novas ideas, para compartir as túas experiencias con outros mozos e mozas ou para levar a cabo proxectos que che parezcan interesantes.

Para a constitución dunha asociación é preciso un mínimo de tres persoas: o presidente, o secretario e o tesoureiro. Pode haber máis cargos, como vocais, vicepresidentes, vicesecretarios. Estes deben reunirse e perfilar como queren que sexa a asociación, cal vai ser o seu eido de actuación e cales as suas actividades.

Os documentos básicos para comezar a funcionar son, por tanto: a acta constitucional e os estatutos. Esta documentación poderédela descargar con facilidade na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado: www.xuventude.xunta.es

Acta Constitucional. Rexistra o lugar, a data e os presentes que se reúnen para fundar a asociación, con todos os seus datos persoais. Nesta acta deben constar os cargos elixidos para o goberno da asociación, que serán os abaixo asinantes.

Estatutos. Os estatutos son as normas básicas que van regular o funcionamento da asociación. Quen pode pertencer, como se asociar, quen pode dirixila, como debe ser elixido, cales son os obxectivos, cal o tipo de actividade que se pretende promover... Tamén recolle o sistema de financiamento, o patrimonio inicial e o modo de modificación dos estatutos e disolución.

No caso de que a asociación que se vai rexistrar sexa de carácter xuvenil, o censo establece dúas modalidades de entidades xuvenís:

  • Asociación xuvenil, os compoñentes da asociación teñen unha idade comprendida entre os 14 anos cumpridos e os trinta sen cumprir.
  • Si pola contra hai compoñentes de idade igual ou superior a 30 anos, entón estaríamos a falar dunha entidade prestadora de servizos á xuventude.

Coa asociación constituída o seguinte paso é darse de alta no Rexistro Central de Asociacións, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A documentación presentada xunto coa solicitude debe ser a orixinal xunto cunha copia. Ámbolos dous exemplaren deben levar as sinaturas nas marxes de todos aqueles membros que participaran na fundación da asociación para que sexan válidos. O prazo de resolución é de tres meses.

Unha vez redactados os estatutos e asinada a acta de constitución o seguinte é obter o número do CIF dando de alta á asociación en Hacienda. Unha vez rexistrada na Axencia Tributaria o seguinte paso é abrir unha conta bancaria. Esta é a documentación para obter o CIF:

  • A copia dos Estatutos e a copia da Acta Fundacional que nos devolveu o Rexistro de Asociacións (debidamente selados).
  • Levar o modelo 036 debidamente cuberto e asinado.
  • Con esto xa temos un CIF e a Asociación xa pode comezar a súa actividade.

Documentos internos: Unha vez constituída e rexistrada a asociación, das sucesivas asembleas poden xurdir modificacións estatutarias. Igualmente para o normal funcionamento da asociación será preciso levar ao día as resolucións das asembleas, as actas así como a contabilidade.

Alén do Rexistro Xeral: existen toda unha serie de rexistros e institucións nas que pódevos interesar estar inscritos. No caso das asociacións xuvenís ou prestadoras de servizos á mocidade é moi importante o seu rexistro no censo de Entidades Xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Este paso é imprescindible para poder accede ás axudas do mencionado departamento da Xunta.

Federación e Consellos

As federacións establécense como medio de defensa e promoción de asociacións dunha mesma área xeográfica ou sector de traballo. É unha alianza en defensa duns obxectivos comúns. A asociación de varias federacións constitúe unha confederación.

Os consellos, por súa vez, son foros de debate e discusión onde se congregan as asociacións. Normalmente están vencellados a algún organismo público e dotados de orzamento propio, cos seus propios programas.

Si logo de ler isto xórdevos algunha dúbida e estades decididos a constituír unha asociación, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado pon a vosa disposición un servizo gratuito de apoio e asesoramento a través do cal, resolveranse as dúbidas e cuestións que se plantexan na xestión ordinaria destas entidades no ámbito xurídico, fiscal ou contable, mediante o teléfono de contacto 981 935 271.

Pablo Rodríguez Gómez / Rede Galega de Dinamización Xuvenil.

pablo.rodriguez@rgdinamizacion.org