A Xunta avanza no acondicionamento do firme na estrada A Coruña-Carballo

Acondicionamento do firme na estrada A Coruña-Carballo.
A Xunta avanza no acondicionamento do firme na estrada A Coruña-Carballo, que suporá afeccións puntuais no tráfico a partir do luns 19 de agosto.

A execución destas obras fará necesarios cortes puntuais de carrís e dalgúns ramais, que serán maioritariamente en horario nocturno e estarán debidamente sinalizados.

A Xunta continúa avanzando nas obras de acondicionamento do firme na autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55), que suporán afeccións puntuais no tráfico a partir deste luns 19 de agosto.

A intervención, cun investimento de 400.000€, comezou a inicios deste mes por parte da concesionaria da autoestrada. O obxectivo é garantir a calidade e a durabilidade dos pavimentos nesta infraestrutura, contribuíndo ao reforzo da seguridade viaria.

Os traballos céntranse no estendido de mesturas bituminosas en distintos tramos da AG-55, especialmente naqueles puntos que se atopen deteriorados.

Tamén se selan as gretas mediante a aplicación en quente dun produto específico, establecendo unha ponte estanca entre os seus bordos máis unha cobertura de árido fino, en distintas localizacións ao longo da autoestrada.

Cortes puntuais de carrís

Os traballos, que se desenvolverán durante 4 semanas aproximadamente, farán necesarias afeccións puntuais no tráfico, que estarán debidamente sinalizadas.

Así, na noite do luns, entre as 22 e as 6 horas, cortarase o ramal de saída da AG-55 sentido Carballo do enlace Paiosaco. Haberá tráfico alternativo no ramal de entrada en ambas direccións.

Na noite do martes, o corte será no ramal de entrada dirección Carballo, no enlace de Carballo Este; e na madrugadas do mércores, haberá corte do ramal de entrada dirección Coruña dende a AC-552.

O mércores e o xoves, en horario de 7:00 a 22:00, disporase un corte de carril alterno entre os puntos quilométricos 6 a 9; 12 a 15; e 26+500 a 29+000 en ambas calzadas.