Novo aglomerado na avenida da Deputación de Sabón
A Xunta estende o aglomerado de parte da avenida da Deputación, en Arteixo, e das novas glorietas durante a noite para minimizar as afeccións ao tráfico
Co fin de interferir o mínimo posible no tráfico, a Xunta de Galicia estendeu durante esta noite o aglomerado da capa intermedia de parte da avenida da Deputación e das novas glorietas que se están a executar no marco das obras de ampliación da capacidade desa vía, en Arteixo.
A día hoxe as dúas novas glorietas que se executaron coa obra xa funcionan a modo de rotondas, aínda que cun balizamento provisional, ao igual que todo o tramo de actuación. Os traballos de pintado na zona non se prevén realizar ata o final, para non interferir máis no tráfico e no ritmo da obra. A pesar do tráfico moi intenso na zona, o funcionamento está sendo satisfactorio.
Traballos finalizados en agosto
Resta agora, de capa intermedia de aglomerado, o carril da marxe esquerda na parte da avenida. Prevese completar este tramo de capa intermedia arredor do 20 de xullo e dispoñer a capa de rodaxe na semana do 26 de xullo para, a continuación, levar a cabo os traballos de pintado e remates das obras.
No seu conxunto, os traballos quedarán finalizados no mes de agosto, dentro do prazo contractual previsto e a pesar das incidencias derivadas da crise de materiais, da folga de transporte e da necesidade de retranqueos.
A actuación de ampliación da avenida da Deputación de Sabón, coa que se desdobran os carrís, supón un investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e ten por obxectivo solucionar os problemas de fluidez do tráfico nas horas puntas nesa contorna, favorecer os movementos e facer máis seguros os desprazamentos ao polígono.