Axudas para a mellora da rede de escolas infantís públicas da Coruña
A Xunta destina este ano 200.000 euros a obras de mellora nas sete escolas infantís da rede pública autonómica da cidade da Coruña. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou o centro de O Ventorrillo no que se realizará unha renovación de portas, persianas e outros elementos interiores que permitan incrementar a comodidade dos usuarios. Os outros centros nos que se realizarán obras de mellora son a de Elviña, As Mariñas, Oza, Eirís, Monte Alto e a Sardiñeira.
A conselleira lembrou que a Xunta aposta pola etapa 0 a 3 anos facilitando o acceso de todos os pais a unha escola infantil, ampliando os centros e renovando e actualizando as instalacións da rede pública autonómica. Neste sentido, concretou a posta en marcha de medidas como a gratuidade de todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, que beneficia a máis de 31.000 familias de toda Galicia.
Así mesmo, tamén sinalou que a Xunta favorece a creación ou ampliación de escolas infantís de titularidade municipal a través dunha orde de axudas específica dotada con 34 millóns de euros e tamén impulsa programas innovadores para a atención dos máis pequenos. Neste centro de O Ventorrillo lévase a cabo o proxecto Cocomedor, que permite ofrecer alimentación saudable e de proximidade aos nenos da escola infantil.