As bibliotecas escolares galegas fanse con 11 dos 41 premios nacionais aos clubs de lectura
A excelencia das bibliotecas escolares galegas acaba de ser avalada con 11 dos 41 premios nacionais aos Clubs de Lectura correspondentes ao curso 2022/23, case o 27% do total. Estes galardóns teñen o obxectivo recoñecer o potencial destes grupos como elemento destacado para o fomento da lectura entre os membros da comunidade educativa e o seu papel como factor dinamizador das actividades da biblioteca escolar.
Precisamente para seguir continuando con esta senda de éxito, a Xunta vén de publicar a nova convocatoria dos Clubs de Lectura e doutros tres dos programas más destacados dentro da folla de ruta neste eido, o Plan LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe). Son, en concreto, a de Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Lectura e Familias. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 17 de outubro.
Deste xeito, a través da nova convocatoria, está previsto que este curso funcionen en Galicia un total de 450 Clubs de Lectura, coa incorporación de 49 novos. Valóraranse especialmente aquelas iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo do alumnado coa lingua e a literatura galegas. Da mesma forma, puntúanse especialmente aquelas iniciativas destinadas a fomentar a diversidade na participación nos grupos de lectura, tanto por parte do alumnado coma do resto da comunidade educativa.
No caso de Radio na Biblio, está previsto incorporar 30 centros a esta iniciativa, que se sumarán aos 167 xa participantes. Este programa ten por obxecto desenvolver o modelo de biblioteca cara centros creativos de aprendizaxes e promover a creación de emisoras/laboratorios de radio co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.
Pola súa banda, Biblioteca Creativa busca estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través da creación e a experimentación. Trabállase a prol de ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. A previsión é de seleccionar 25 novos centros, que se sumarían aos 148 integrados en convocatorias precedentes.
O programa Lectura e familias conta xa coa participación de 94 centros, aos que está previsto sumar 25 máis na nova convocatoria. A través desta iniciativa deséñanse iniciativas que favorecen a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, como experiencias de lectura ou de traballo coa información e medios de comunicación, entre outras.