Celebrouse o certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
O pasado xoves 9 de maio, celebrouse a cerimonia de entrega de premios ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo e contou coa actuación de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, ademais de cunha representación do xurado e varias personalidades institucionais
O xurado composto por Charo Pita Villares (gañadora da 27ª edición), Inmaculada Otero Varela (representante da Asociación Galega da Crítica), Xabier López López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o pasado 27 de abril, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras:
1º. A casa das Castrouteiro, de Daniel Barral Calvo
2º. A idade do escarnio, de Tito Pérez Pérez
3º. Crónica de ningures, de Francisco Rozados Rivas
De todos os relatos recibidos, case setenta foran admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases.
A coordinación agradeceu un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego. Entregaron os premios Ana Bello Vázquez, concelleira de Cultura e Festas, Valentín García Gómez, Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Carlos Calvelo Martínez, alcalde do Concello de Arteixo.
O acto de entrega, presentado por Alfredo Ferreiro, ofreceu ademais a actuación Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, co seu espectáculo “Os contos de Joselín” e unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Rematado o acto, ofreceuse un viño de honra como fin de festa.
Apartado da web municipal sobre o Certame: http://www.arteixo.org/gl/servizos/cultura/manuel_murguia