Comeza un novo obradoiro de emprego que dura nove meses
O programa, organizado polos concellos de Arteixo e A Laracha, está financiado pola Xunta de Galicia e terá unha duración de 9 meses.
Hoxe 2 de outubro comezou a desenvolverse o obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego IV, unha nova iniciativa impulsada por ambos municipios e co financiamento da consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia na procura de tres obxectivos fundamentais: mellorar a empregabilidade dos 20 participantes, crear postos de traballo e mellorar as infraestruturas públicas de titularidade municipal.
O programa terá unha duración de 9 meses, nos que 10 alumnos traballadores participarán na especialidade de xardinería e outros 10 farano no módulo de traballos de carpintería e moble. Todos eles terán a posibilidade de adquirir os coñecementos teóricos e prácticos da súa especialidade, realizar actuacións en instalación de ambos concellos para acadar experiencia, recibir o certificado de profesionalidade ao rematar con éxito o obradoiro e acceder a un posto de traballo remunerado neste tempo de aprendizaxe e formación.
Patricia Amado, concelleria de Promoción Económica de Arteixo, animou aos alumnos traballadores a “aproveitar a oportunidade” e que o resultado dos nove meses deste obradoiro de emprego sexa “positivo para vós e tamén para o entorno no que actuaredes”.