Construindo pontes entre Arteixo e o Sáhara
Aínda que os separan miles de kilómetros, o futuro unirá a Arteixo co Sáhara. O Concello de Arteixo aprobou por unanimidade, e a instancias do grupo municipal socialista, o inicio dos trámites do irmandamento do concello coa Daira “Der Tiegisit” do territorio saharaui, co fin de colaborar co goberno saharaui en proxectos de amizade, solidariedade, asistencia, auxilio e intercambio cultural, así mesmo asinará un convenio de colaboración para este 2018, no que atenderá a alerta alimentaria manifesta pola Luna Roja Saharaui con preto de 30.000 euros para un stock de emerxencia que abastecerá a unhas 125.000 persoas das preto de 173.600 que se atopan refuxiadas nese territorio.
A unión de Arteixo co Sáhara permitirá coñecer de preto as necesidades do pobo saharaui e posibilitar o envío de axuda ou o desenvolvemento de proxectos de cooperación para mellorar a súa calidade de vida. A iniciativa conta co apoio de todos os grupos políticos e tamén do goberno local. As conversas para a apertura da cooperación de Arteixo co Sáhara comezaron a través de Sogaps (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui) e do propio Martín Seco que coñeceu a realidade do Sáhara a través dunha viaxe con dita ONG.
“Atopei moi boa predisposición e liberdade para xestionalo”. “Falamos de crear unha partida para solidariedade pois somos un concello con capacidade económica para colaborar, cunha parte do presuposto, en cooperación”. A mellor forma de conseguir que os proxectos de cooperación ou a axuda sexan realmente de utilidade é coñecer as necesidades e prioridades. Por iso, se leva a cabo o irmandamento cunha daira, homólogo aos concellos galegos, en base ao cal se establecerán as actuacións a levar a cabo. O obxectivo é conseguir que Arteixo “se vincule non puntualmente senon coa causa e ter unha partida destinada a afrontar as necesidades desa daira ou mesmo do Estado saharaui por medio de infraestructuras ou proxectos”.
As condicións nun campo de refuxiados varían dun momento a outro polo que é imprescindible manter a comunicación co terreo para atender as necesidades urxentes. “De inicio a axuda íase destinar para a construcción dun dispensario médico nunha zona nómada. Teñen moitos problemas médicos porque é unha zona de moito paso de sur a norte pero non hai hospitais. Mais, como xurdiu por parte da Luna Roja a alerta por falta de alimentación, veremos cómo se destina a axuda”.
A solidariedade debe fomentarse polo que outra dos temas nos que facer fincapé sería a sensibilización da sociedade arteixá. “Sería moi importante que por esta vía do convenio de irmandamento se puidera visibilizar o problema do pobo saharaui”. Esta sensibilización podería facerse a través de charlas e coa colaboración dos colexios do concello. A realidade saharaui, aínda que moitas veces nomeada, en realidade é moi descoñecida para a poboación. “Moita xente non sabe que están nun campo de refuxiados, en territorio argelino nin que están alí porque Marruecos os expulsou e tomou o territorio”. “Tampouco se establece mentalmente o que é un campo de refuxiados: non hai infraestructura e o que chega o fai vía axuda humanitaria”.
Outro dos proxectos nos que se está a traballar é unha caravana galega con axuda humanitaria con destino Sáhara. Para isto, “búscanse vehículos que poidan ser empregados no deserto con material sanitario, educativo e de todo tipo”.
As necesidades no Sáhara son moitas e algunhas moi difíciles de cubrir. Así o comprobou Seco na súa visita coa ONG Sogaps.
Cales son as principais necesidades? Descubrín moitas necesidades terribles. Fallan moito as inversións dos países pois coa crise o primeiro que tocaron foron os fondos de cooperación. A sanidade está baseada entre a cooperación con Cuba, onde forman aos seus médicos e tamén as comisións sanitarias que chegan de todo o mundo para traballar en terreo durante un mes. Os hospitais son edificios en ruinas e contan con moi poucos medicamentos e recursos. A Xunta de Galicia fixo, mediante un convenio, a Casa Sanitaria de Galicia que ten varias funcións: acolle as comisións sanitarias, serviu como hospital de campaña durante as inundacións e tamén como centro de día. En verán, con 56 grados, homes e mulleres maiores pasan as horas máis fortes de sol alí. Dende o Ministerio de Sanidade ofrécenlles aos seus médicos uns incentivos para permanecer no Sáhara mais disminución de fondos de cooperación fai que non teñan cartos para os incentivos e é unha cuestión básica porque necesitan persoal propio. Cando se falla en cooperación non se sabe como se pon en risco a vida da xente.
Cómo ves o futuro do Sáhara? Hai presións e temas internacionais que fan moi difícil que Marruecos dea ese paso máis para poder convivir e chegar a ese referémdum de autodeterminación pero a xente quere vivir en paz. Incluso os habitante do Sahara ocupado. Custa avanzar pero ás veces vese que pode haber algunha saída para celebrar ese referéndum e que Marruecos deixe de ocupar o territorio. É algo excepcional ver como a poboación saharaui foi quen ter un estado tan ben organizado, cos seus Ministerios, as súas provincias, localidades… Cada unha coa súa representación elixida democráticamente. Cando o maior financiador é a solidariedade e a ONU que lles dispensa o básico e todo está baseado nunha moi boa organización interna. Os políticos teñen un discurso de pobos irmáns e seguen crendo na paz e nun final dialogado con Marruecos.