Entrega do premio de narrativa breve Repsol
O gañador foi galardoado con 12.000 euros e a publicación da súa obra, Groenlandia, por Editorial Galaxia.
O enxeñeiro e escritor Francisco Fernández Dávila, foi galardoado pola súa obra Groenlandia.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na entrega do XVII Premio de Narrativa Breve Repsol. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades deulle os parabéns ao autor e expresou a súa satisfacción “polo feito de que o nome de Francisco Fernández Dávila -cuxa obra, tanto en poesía como en prosa, non para de acumular galardóns desde que, en datas recentes, comezou a escribir- se una á lista de gañadores dun premio que se distingue por ser un exemplo de colaboración entre entidades públicas e privadas en prol do galego”.
No acto, que acolleu a sede da Fundación Paideia Galiza, tamén participaron Mercedes Gómez, subdirectora de Relacións Institucionais de Fundación Repsol; Xosé Manuel Soutullo, director xeral da Editorial Galaxia, e o gañador.
Ademais, a entrega estivo amenizada polo recital do Trío Black Devile, composto polos músicos Nicolau Rodríguez, Ramiro Lamas e Rubén Deschamps.
Impulsando a creación en galego
O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 e vertebrado de forma conxunta polo complexo industrial Repsol da Coruña e a Xunta de Galicia co obxectivo de reforzar a creación literaria en galego e promover o uso social da lingua.
No ano 2010, a Fundación Repsol toma o relevo no impulso do certame, que conta, desde o seu inicio, coa colaboración da Editorial Galaxia e co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Destacar que esta última edición foi a máis numerosa da súa historia, con 47 novelas curtas presentadas ao premio, que, desde os seus comezos, suma máis de 500 obras orixinais en lingua galega participantes.
O gañador
Francisco Javier Fernández Dávila (Vigo, 1974) é enxeñeiro de Minas e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo. Comezou a escribir no 2016 en diversos obradoiros de escrita creativa e, nese mesmo ano, gañou o primeiro premio de poesía no I Certame de Enxeñería Sen Fronteiras e os segundos premios no X Certame Literario Terras de Chamoso de poesía e no XLIX Concurso Literario Casino Ateneo de Béjar de relato.
Entre o seu palmarés están tamén o premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia, con A senda de sal, no 2017; o premio Antón Avilés de Taramancos, no 2018, que lle valeu a publicación da súa segunda novela curta, Alana; o Premio de Poesía Victoriano Taibo, no 2019, que implicou a publicación do seu primeiro libro de poesía, Mover os Marcos, ou o Premio de Novela Curta Antón Risco por Primavera, no 2023.