Obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego IV
O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego IV, está a piques de rematar. Restan só dúas semanas dos nove meses de duración do mesmo. Os seus vinte alumnos traballadores e o persoal docente están a ultimar as actuacións proxectadas en ambos municipios. Os traballos conforman a parte práctica do proceso de formación dos participantes nesta iniciativa impulsada por ambos Concellos e que conta co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia
Os alcaldes da Laracha e de Arteixo, José Manuel López Varela, e Carlos Calvelo, reuníronse no paseo fluvial do río Vilán coa directora do obradoiro e parte do alumnado. Coincidiron en destacar o excelente desenvolvemento do obradoiro e que se están a cumprir os seus obxectivos específicos e globais, xa que se están a executar actuacións de interese xeral para a veciñanza da Laracha e de Arteixo ao mesmo tempo que os vinte alumnos/as traballadores están formándose, aprendendo unha nova profesión, mellorando a súa empregabilidade e disfrutando dun contrato laboral remunerado durante os nove meses de duración do programa.
Para facilitar o desenvolvemento das actuacións, os dous módulos nos que se divide o obradoiro están a actuar de xeito paralelo e coordinado. Nestes momentos a especialidade de carpintería de madeira -que conta con dez alumnos traballadores e centra os seus labores no Concello da Laracha- está a rematar a mellora do paseo fluvial do río Vilán, na parroquia de Cabovilaño. Despois de realizarse a completa limpeza, substituír as táboas que así o requirían e reforzar a estrutura da pasarela de madeira, agora culmínase a actuación aplicando lasur, un verniz especialmente indicado para o tratamento da madeira en exteriores polo seu efecto antideslizante e por favorecer a súa conservación.
Este mesmo módulo tamén realizou o mantemento da fachada do edificio administrativo da Laracha, incluíndo a substitución da madeira que caracteriza a singularidade do inmoble. Por outro lado, nas últimas semanas están a realizar as divisións interiores das plantas superiores –ata o de agora, diáfanas- para acadar un máis óptimo aproveitamento dos espazos dispoñibles, e tamén elaborando parte do mobiliario (mesas, caixoneiras, armarios e estanterías) para equipalas.
Os outros dez alumnos-traballadores do obradoiro forman a especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e están a actuar no parque de Monticaño de Arteixo. O seu cometido é a recuperación do Camiño de Fragua, unha senda tradicional entre Pastoriza e Meicende duns catrocentos metros de lonxitude.
Todas as persoas que conclúan con éxito as aprendizaxes teóricas –desenvolvidas na súa totalidade no Concello da Laracha- e prácticas recibirán o certificado de profesionalidade no seu correspondente módulo homologado pola Xunta de Galicia.