Gañador do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega
O filólogo, profesor e escritor Gonzalo Hermo, gaña a XIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega pola súa obra Diario dun enterro. Así o deron a coñecer na Coruña o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director da refinería de Repsol, Javier Sancho, e a voceira do xurado, a novelista e poeta Berta Dávila. O galardón, que convocan conxuntamente a Xunta de Galicia e a Fundación Repsol, está dotado con 12.000 euros e a publicación da obra por Galaxia.
O xurado desta edición decantouse por esta obra pola “sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela. Nela fonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares para debuxar un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe”. O xurado destaca o equilibrio entre o fondo e a forma, a regularidade da construción narrativa, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada que se deita sobre os personaxes.
Filólogo, profesor e escritor
Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía galega e doutor en Lingüística. Impartiu docencia na Universidade de Santiago de Compostela e mais na Autónoma de Barcelona. Actualmente, vive en Barcelona, onde traballa como autónomo no sector editorial e é profesor de escrita creativa da Escola de Lletres.
Publicou
tres libros de poemas: Crac
(Barbantesa, 2011), Celebración
(Apiario, 2014), editado en catalán por Godall Edicions e en castelán por La
Bella Varsovia, e A vida salvaxe (Pen
Club Galicia, 2018). Gañou, entre outros recoñecementos, o Premio da Crítica en
2014, o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova Miguel
Hernández en 2015 e o Premio de Poesía Afundación 2018. Diario dun enterro é a súa primeira novela.
Composición do xurado
O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña. Desde 2010, Fundación Repsol toma a substitución para convocar o premio contando coa colaboración Consellería de Cultura e Turismo, así como da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
O xurado
desta edición estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras
galegas: Anxos Sumai, gañadora da II edición do Premio Narrativa Breve Repsol
pola súa obra Así nacen as baleas;
Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; Euloxio Rodríguez
Ruibal, académico da Real Academia Galega; Berta Dávila, gañadora do Premio
Narrativa Breve 2013 pola súa obra O
derradeiro libro de Emma Olsen, e Dolores Vilavedra Fernández, profesora de
literatura galega na USC.
Do mesmo xeito que en anos anteriores, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. A entrega do Premio Narrativa Breve terá lugar antes de final de ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña. Máis información: fundacionrepsol.com.