Terceira edición do concurso "Máis de Carballo que O pan!"
Chega a terceira edición de "Máis de Carballo que O pan!", e chega con novidades.
Despois de reunir nas dúas coleccións anteriores os deseños de numerosos artistas locais, este ano convócase un concurso para que todo o mundo poida amosar o seu xeito de presumir de concello ao tempo que contribúe a dúas celebracións moi carballesas: o Día Mundial do Pan e o Ano do Xestal.
Condicións para participar
- Envíar un deseño que inclúa ou faga alusión ao pan de Carballo ou a Carlos O Xestal. E se xuntas os dous, moito mellor.
- Hai dous xeitos de participar: enviando o teu deseño a @carballomola (tamén podes compartilo na túa conta) ou ao enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal.
- O prazo está aberto ata o 30 de setembro.
Haberá cinco premios para os cinco deseños que, ao xuízo do xurado, representen mellor o pan e/ou ao Xestal. O xurado estará formado pola pintora carballesa Rakele Cavallo, o deseñador gráfico carballés Óscar Vázquez, autor da imaxe do Ano do Xestal, e o profesor, músico e dinamizador social Xurxo Souto. O fallo farase público o 6 de outubro e a difusión das postais comezará o 16, Día Mundial do Pan. Cada premio estará dotado con 100 euros, e ademais o seu autor ou autora verá o seu traballo plasmado nunha postal que poderá viaxar por todo o planeta.