A Xunta activa a alerta por escaseza de auga
A Xunta vén de activar a declaración de situación de alerta por escaseza de auga no sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña.
Esta medida, de carácter preventivo, tómase tendo en conta a evolución das reservas do encoro de Cecebre, cunha ocupación actual do 46,95%, que sigue reflectindo unha anomalía con respecto aos seus valores medios.
Aínda que a situación é preocupante pola incerteza na evolución do volume encorado en Cecebre para as próximas semanas e na capacidade da Coruña e a bisbarra para diminuír as súas demandas, non é alarmante a curto prazo desde o punto de vista do abastecemento que se serve deste sistema, pois esta zona conta cunha reserva importante de auga no lago das Encrobas, que ocupa o oco da antiga mina de Meirama.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, acompañada do xerente da entidade hidráulica da Xunta, Gonzalo Mosqueira, presidiu unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada polos técnicos de Augas de Galicia e representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade.
Na reunión, a Oficina da Seca avaliouse a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa, de competencia autonómica.
En concreto, no sistema de explotación do encoro de Cecebre, na bacía do río Mero, Arteixo e ría da Coruña, a declaración de alerta prodúcese por atoparse a ocupación do encoro por debaixo da media dos últimos anos, con ese 46,95% de ocupación.
Ademais, no encontro mantido hoxe confirmouse o mantemento da situación de prealerta ou escaseza moderada nos sistemas do río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o río Anllóns; así como no río Lérez e ría de Pontevedra.
Tamén se manteñen as medidas equivalentes a un escenario de prealerta ou escaseza moderada no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona, desde o cal se abastece o concello de Baiona.
No encontro mantido hoxe confirmouse, ademais, o mantemento da activación da situación de seca prolongada, que mide fundamentalmente as precipitacións rexistradas, nos sistemas de explotación do río Mero a Ferrol, e do río Mera á ría de Ribadeo.
A situación do resto dos sistemas de abastecemento da demarcación de competencia autonómica, presenta niveis de normalidade. A ocupación actual dos encoros de abastecemento de Galicia-Costa é do 65,94%, case 6 puntos por enriba da ocupación do mesmo período do ano 2022.
Anticipación e prevención
A Xunta, a través deste seguimento continuo, segue traballando para poder anticiparse e adoptar as medidas necesarias ante un posible episodio de escaseza de auga, así como promovendo a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.
O Goberno galego reitera aos concellos a necesidade de adoptar as medidas que consideren oportunas, dentro do seu ámbito de competencia, e levar a cabo un labor de concienciación cidadá e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu municipio.
A Xunta, a través da Oficina Técnica da Seca, continuará realizando un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten.