As escolas son unha contorna clave para a prevención da exclusión na infancia
A iniciativa Por unha escola segura sinala as escolas como a contorna clave para a prevención da exclusión na infancia.
O 17 de novembro do 2022 presentouse en Santiago de Compostela e Ourense a iniciativa "Por unha escola segura". En este sentido, 36 persoas expertas en Educación asinaron un posicionamento no que sinalan a necesidade de que nas escolas se preste unha atención á infancia centrada no seu benestar integral.
Segundo investigacións recentes, apuntan, o actual sistema educativo adoece da falta de atención aos factores sociais das nenas e nenos, que son a causa principal da exclusión escolar. Así, para atallar esta situación, sinalan que é necesario un cambio de modelo educativo que contemple estratexias eficaces de prevención.
36 persoas expertas en Educación das Universidades galegas sinalan a necesidad dun cambio de modelo educativo
“Dende a Educación Social traballamos con infancia e adolescencia con problemáticas de exclusión, mais cómpre darlle a volta ao sistema, para non chegar xa a esas situacións. Intervir desde as propias escolas, cun enfoque preventivo, é a clave para mellorar o benestar da infancia”, sinala Jesús Deibe Fernández Simo, vogal do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
Ademais engade "É necesario ofrecer respostas ás esixencias sociais actuais e aos grandes retos que se presentan no sistema educativo, como o aumento da diversidade cultural, o alumnado con necesidades especiais, o abandono, a convivencia…".
As persoas asinantes desta iniciativa son persoal experto en educación, con liñas de investigación activas sobre o sistema educativo e sobre a intervención socioeducativa.