A área sanitaria de A Coruña prepárase para afrontar o pico da gripe
A Gripe e unha enfermidade vírica, leve na maioría dos casos que pode cursar síntomas como: febre igual o maior a 38º C nas fases iniciais así como malestar xeral, dor de garganta, tose, cefalea, dores musculares xeneralizados, conxestión nasal, esbirros, vómitos e diarrea.
O contaxio é de persoa a persoa a través das gotiñas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao falar, tusir ou esbirrar, e tamén de forma indirecta, ao tocar algún obxecto que estea contaminado co virus da gripe.
Os casos de gripe confirmada así como os cadros de infeccións respiratorias que se producen no período invernal, fan que a poboación faga uso dos diferentes dispositivos asistenciais á súa disposición, polo que en previsión do incremento significativo da demanda e para poder dar unha mellor atención os nosos pacientes elaborouse un Plan de Continxencia da Gripe na EOXI de A Coruña.
Este Plan, elaborado de xeito multidisciplinar entre os distintos servizos clínicos implicados no manexo desta enfermidade vírica, como medicina preventiva, microbioloxía, medicina interna, neumoloxía, urxencias e admisión, ten como obxectivo evitar as consecuencias máis graves debidas á infección e a que se produzan brotes, previr os picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais da nosa área, prestar a mellor asistencia aos pacientes con gripe coa mínima incidencia sobre o funcionamento nos distintos centros hospitalarios e contemplar os procedementos alternativos ao orde normal da organización co fin de permitir o normal funcionamento.
Un dos problemas principais ao que temos que enfrontarnos é á súa rápida expansión, por iso a necesidade de recordar e insistir nas medidas adicionais e na hixiene de mans entre profesionais e acompañantes.
Co fin de minimizar o impacto da gripe entre o persoal sanitario, o Servizo de Medicina Preventiva, en coordinación coas correspondentes Direccións sigue a levar a cabo unha tarefa de concienciación e promoción activa da vacinación entre o persoal sanitario tanto no Complexo Hospitalario coma nos centros de Atención Primaria.
Do mesmo xeito o Servizo de Medicina Preventiva esta coordinado co resto dos Servizos implicados na adopción de medidas preventivas para a difusión do virus a nivel intrahospitalario.
Os recursos materiais e humanos dispoñibles para a realización deste Plan vanse adecuando en función da situación epidemiolóxica e das previsións que a tendencia da onda de difusión do virus faga prever. Para iso avaliaranse todos os datos dispoñibles (clínicos e epidemiolóxicos) tratando de adaptar os recursos de forma axeitada as necesidades reais de atención dos pacientes buscando a máxima calidade e seguridade na atención a estes, procurando o menor impacto posible no resto da actividade asistencial habitual do centro.
Todas as camas do complexo hospitalario están habilitadas, e a día de hoxe leváronse a cabo reforzos como, a incorporación de seis facultativos, cinco enfermeiras e cinco auxiliares en diferentes areas e turnos estratéxicos.
Este ano, como novidades con respecto ao pasado ano caben destacar: a posta en marcha de consultas preferentes en Cardioloxía, Neumoloxía, Medicina Interna e Dixestivo para derivar pacientes dende o Servizo de Urxencias, coma alternativa a hospitalización, inclúese tamén a modificación dos circuítos internos do Servizo de Urxencias para reducir posibles demoras na atención.
A posta en marcha de axendas individuais de enfermería e matronas con actos específicos de vacina durante todo o período da campaña. A partir da terceira semana do inicio da campaña o persoal de enfermería realizou chamadas telefónicas a todas aquelas persoas que forman parte da poboación diana que nos últimos tres anos non se vacinaron.
Na Area Sanitaria de A Coruña a día de onte, vacináronse 111.854 persoas. Destas 76.006 son maiores de 65 anos, que supón o 58,47% da poboación.
En canto as mulleres embarazadas vacináronse 1464.