A Deputación estrea programa para pedir subvencións
A aplicación está dispoñible en www.dicoruna.es a partir do 15 de xaneiro, data na que se abre o prazo para optar ás axudas
- O prazo de presentación estará aberto ata o 15 de febreiro para os concellos e ata o 22 de febreiro para as entidades solicitantes
A presentación de solicitudes de subvencións no 2013 será máis áxil e sinxela grazas ao novo proceso de presentación vía web. A Deputación da Coruña pon en marcha por primeira vez para as convocatorias de axudas a actividades deportivas, culturais, de promoción económica e servizos sociais destinadas tanto a entidades como aos concellos da provincia da Coruña, cuxas bases están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 15 de decembro do 2012 e, tamén, colgadas na web da Deputación.
Os concellos e entidades interesadas en pedir as axudas provinciais durante este exercicio so terán que acceder á páxina web oficinal da Deputación (www.dicoruna.es) na pestana ‘Subvencións’ e acceder ao apartado ‘Subvencións 2013’. O prazo de presentación comezará o 15 de xaneiro e estará aberto ata o 15 de febreiro para os concellos e ata o 22 de febreiro para as entidades.
Ata entón, non estará habilitada esta opción, pero a web informa actualmente de forma detallada de cada un dos pasos que terán que seguir os concellos e as entidades cando se abra o prazo de presentación das solicitudes. Nese momento, todos os interesados poderán resolver as súas dúbidas e problemas nos servizos correspondentes da institución provincial.
O proceso para presentar as solicitudes de subvencións é moi sinxelo e totalmente gratuíto. So será preciso rexistrarse como usuario na web aportando unha dirección de correo e unha contrasinal nun proceso que leva uns minutos e, unha vez rexistrado, complementar os formularios de solicitude de subvención e achegar a documentación correspondente.
En canto á documentación requirida, os solicitantes poderán achegala vía web en formato PDF, sendo o proceso similar a incluír un arquivo adxunto nun correo electrónico. Os solicitantes tamén terán a opción de entregar a documentación de forma presencial nas oficinas de rexistro xeral da Deputación, en Correos ou nas oficinas de rexistro dos concellos, en este caso terán que facer sempre referencia ao número de solicitude telemática correspondente. яндекс
Por último, haberá que confirmar a solicitude de subvención antes do fin do prazo de presentación de solicitudes xa sexa desde a páxina web mediante firma electrónica (para o que é preciso o DNI electrónico,un certificado dixital da FMNT ou un certificado dixital de empregado público) ou, en caso de carecer de sinatura electrónica, poderán confirmarse as solicitudes imprimindo o resgardo da solicitude desde a páxina web, asinándoo e entregándoo no rexistro xeral da Deputación, nunha oficina de Correos ou na oficina de rexistro dos concellos da provincia da Coruña. Para as subvencións relativas a concellos, si será indispensable o certificado dixital.