A Orquestra de nenos Sinfónica de Galicia visita Arteixo
A Orquestra de nenos da Sinfónica de Galicia actuará este sábado 23 de xuño ás 18:00 h no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo. Contará co acompañamento dos coros infantil e xuvenil da citada agrupación a través do seu programa educativo "Son Futuro" para descentralizar a excelencia artística da agrupación facéndoa chegar á veciñanza dos diferentes municipios da provincia.
A entrada será con invitación que se poderán recoller 2 h antes do concerto na billeteira do CCC de Arteixo (máximo 5 invitacións por persoa).
Formada por 83 nenos e nenas de entre 6 e 15 anos, a Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia (ONSG) achega os cimentos da formación grupal necesaria para a práctica da música en orquestra sinfónica. Baixo a dirección de Jorge Montes e Enrique Iglesias Precedo, a ONSG tamén se nutre do talento arteixán, xa que dous dos seus violinistas, Baldomero Mourelle Moreiras e Román Mato Iglesias, foron alumnos da Escola Municipal de Música de Arteixo.
O Coro Novo, formado por 35 mozos de entre 13 e 21 anos, representa o ponte coral entre o Coro de Nenos e o Coro de adultos da OSG. Desde a súa creación foron os seus directores Daniel García Artés, José Antonio García Mato, Fernado López Briones e José Ramón Rodríguez Casteláns.
O Coro de "Nenos Cantores", que está formado por uns 50 nenos e nenas de entre 10 e 14 anos e está dirixido, desde a súa creación, por José Luis Vázquez —tamén subdirector do Coro da OSG—, nace coa intención de constituír un verdadeiro centro de canto coral, para a formación de novas voces. Posteriormente, poderán formar parte do Coro Novo e do Coro da OSG.
Un total de 170 novos talentos presentarán en concerto un ambicioso programa con obras de grandes autores como Tchaikovsky e Mozart xunto con Sheila Nelson, que se incorporan así a un repertorio que xa inclúe música de Henry Purcell.