A rapazada carballesa volve á Biblioteca
Dous grupos do CEIP Fogar abriron as actividades, que se prolongan ata completar todos os centros do concello.
Un total de 560 escolares de 6º curso de educación infantil (5 anos) e 1º de primaria (6 anos) participan no programa de visitas guiadas á Biblioteca Rego da Balsa, unha iniciativa da Concellaría de Cultura para que as nenas e os nenos empecen a familiarizarse con este recurso cultural, único na Costa da Morte.
Alumnos e alumnas dos colexios Bergantiños, Fogar, A Cristina, San Luís Romero, Artai, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e CRA Ponte da Pedra participan nunha actividade duns 45-50 minutos de duración que inclúe unha visita guiada pola zona infantil e unha función de contacontos cos Ratos de Lonxedetodo da compañía teatral Trinketrinke. As sesións comezaron o 17 de outubro cos dous primeiros grupos do CEIP Fogar e continuaron nos vindeiros días ata completar todos os centros.
Outras propostas
A Biblioteca Rego da Balsa comezou o curso este mes con dúas actividades para bebés de 6 meses a 3 anos de idade que resultaron todo un éxito, e xa estamos preparando as habituais sesións quincenais da compañía Trinketrinke, que volverá en novembro para acompañar á cativada de 4 a 8 anos ao longo do curso coas historias para contar e cantar dos Ratos de Lonxedetodo.