A serie infantil "Los Argonautas" inicia a súa rodaxe
O equipo da serie "Los Argonautas" xa está en Laxe para iniciar a rodaxe desta ficción de Portocabo e Radio Televisión Española (RTVE) dirixida a nenos e nenas de entre oito e 12 anos que se emitirá en Clan.
A serie "Los Argonautas" trátase da primeira produción de imaxe real para esta canle (Clan) temática destinada ao público infantil, que conta co cofinanciamento de 350.000 euros da Xunta de Galicia, a través da primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou esta mañá o equipo de gravación e participou na rolda de prensa de inicio da filmación xunto ao alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón; o produtor da serie e CEO de Portocabo, Alfonso Blanco; o director de Área de Contidos da CRTVG, Fernando Ojea, e mais o director de Contidos Infantís de RTVE, Yago Fandiño.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en valor a capacidade do noso audiovisual “para ser motor da industria cultural e da recuperación económica” ao tempo que salientou a “valía dos equipos artísticos e profesionais” dun sector que dispón dun “importante potencial competitivo e de xeración de emprego.”
Impulso á produción de cine, vídeo e televisión
Para impulsar a actividade no eido da produción cinematográfica, de vídeo e de televisión tralas consecuencias derivadas da crise sanitaria da covid-19, a Xunta activou o Hub Audiovisual galego, nacido co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do eixo REACT-UE de resposta da Unión Europea fronte á pandemia. Así o explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, quen lembrou que a través desta ferramenta o Goberno galego está a realizar “o maior investimento no noso audiovisual da historia” nun período temporal tan concreto: 9,6 millóns de euros entre os anos 2021 e 2023.
Mediante a primeira quenda para a captación de rodaxes convocada ao abeiro do Hub Audiovisual xa se adxudicaron 1,3 millóns de euros, cos que se está a apoiou a gravación de catro proxectos: a longametraxe 13 exorcismos, de Bambú Producciones, e as series Hasta el cielo, de Vaca Films, Rapa e Los Argonautas, estas dúas últimas de Portocabo. Jacobo Sutil destacou que estas producións implican a creación de 230 empregos, en termos equivalentes anuais, e un retorno económico que superará os 15 millóns de euros, segundo un estudo que está a desenvolver Universidade de Santiago de Compostela para estimar o impacto destas filmacións. No caso concreto de Los Argonautas, calcúlase un un beneficio de 2,6 M€ e a creación de 40 postos de traballo en cómputo anual. O devandito Hub continúa en marcha mediante unha segunda convocatoria do seu fondo de captación de rodaxes, na que xa se insire a nova temporada de Operación Marea Negra, serie galego-portuguesa que Ficción Producciones realiza para Amazon Prime.
Unha aventura diversa
A serie "Los Argonautas" está codirixida polos realizadores galegos Toño López e Lucía Estévez e conta cun elenco que combina a experiencia de actores e actrices veteranos, como son Federico Pérez e Eva Fernández, co pulo dos novísimos intérpretes Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela e Xoel Río.
A trama xira ao redor dun grupo de cinco amigos que vivirá un verán diferente ao verse envoltos nunha grande aventura. Enfrontándose a distintos perigos, descubrirán o valor da amizade, a superación de barreiras, o encaixe das diferenzas, a integración ou a cooperación como clave para o éxito común. A ficción aposta así pola diversidade ao abrir xanelas a comunidades de inmigrantes como é o caso da caboverdiana ou a realidades como a de Olivia, unha nena xorda que non ten problemas en se comunicar cos demais.
A produción de Portocabo entronca coa tradición de grandes clásicos literarios —como O club dos cinco— ou do cinema —como Os goonies—, no que o protagonismo recae na cativada que se ve na obriga de colaborar coas súas amizades para superar perigos e misterios. Los Argonautas, que toma o seu nome do grupo de heroes encabezados polo lendario Xasón da mitoloxía grega, rodarase na Coruña e en diferentes localizacións da Costa da Morte, polo que os seus 20 episodios funcionarán tamén como un auténtico catálogo de promoción cultural cun relevante potencial turístico.