A Xunta convoca os premios da cultura galega 2019
A Consellería de Cultura e Turismo convocó o 27 de Xuño unha nova edición dos Premios da Cultura Galega, uns galardóns que teñen por obxecto apoiar o labor creativo en Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos.
As oito modalidades convocadas son as de
Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua,
Patrimonio Cultural e Proxección Exterior e as institucións e entidades
culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas poden presentar as
candidaturas durante os dous vindeiros meses contados desde o día seguinte ao
da publicación desta orde no DOG. As solicitudes presentaranse por medios
electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de
Galicia, https://sede.xunta.gal (código de
procedemento CT142A) e á mesma engadiráselle os méritos das candidaturas cunha
xustificación descritiva.
O xurado que vai valorar as propostas estará
presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo e contará con representación do
Consello da Cultura Galega, das universidades do SUG, da Real Academia Galega,
da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da secretaría xeral da
Igualdade, da dirección xeral de Políticas Culturais e de catro persoas de
recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas pola Consellería.
En cada unha das modalidades, os Premios da
Cultura Galega concederán un único galardón e non poderá recaer máis dun
recoñecemento na mesma persoa. O premio consiste nunha escultura ou peza
conmemorativa realizada por un artista galego de recoñecido prestixio e nun
diploma acreditativo. As bases completas poden consultarse no
seguinte enlace.
Os Premios da Cultura Galega recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia. Na edición de 2018, os galardoados foron o Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT, en Artes Escénicas; Luz Darriba, en Artes Plásticas; Festival de Cans, en Audiovisual; Xosé María Álvarez Cáccamo, en Letras; Antón Santamarina, en Lingua; A Roda, en Música; O Sorriso de Daniel, en Patrimonio Cultural, e Ramón Villares, en Proxección Exterior.