A Xunta invita os centros comerciais abertos a un programa de axudas de dous millóns de euros
Destacou ademais que este respaldo económico ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos crece un 10% con respecto ao ano pasado. Vázquez Abeal sinalou durante o encontro, ao que asistiu tamén o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, que as asociacións de comerciantes poderán obter apoios para campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa, ademais de axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.
O programa, ao que se levan destinado máis de 10 millóns de euros nos últimos catro anos, enmárcase na estratexia da Xunta para impulsar o comercio, centrándose na mellora competitiva do comercio de proximidade.
O obxectivo da convocatoria é superar os resultados de 2012, cando obtiveron apoios os 52 centros comerciais abertos galegos e 24 asociacións de prazas de abastos. Ese éxito permitiu a posta en marcha de máis de 300 actuacións de dinamización comercial que redundaron no beneficio dos máis de 5.000 pequenos comercios agrupados nestas asociacións.
As axudas, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados.
No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros, todo co obxectivo de consolidar os mercados como referentes na venda de produto fresco e de calidade.