A Xunta renova as instalacións do CEIP San Marcos de Abegondo

Abegondo. A Coruña. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participa na inauguración da obras do colexio CEIP San Marcos coincidindo co seu 50 aniversario-El Portal de la Infancia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visita o centro CEIP San Marcos de Abegondo, que celebra nestes días o seu 50 aniversario.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o colexio CEIP Plurilingüe San Marcos, na localidade coruñesa de Abegondo, onde o seu departamento vén de rematar a obra de rehabilitación integral deste centro, por importe de máis de 770.000€.

O representante da Xunta de Galicia destacou que esta rehabilitación integral dota o centro de espazos máis amplos e máis saudables, adaptados aos criterios establecidos polo Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotado con 191M€.

Neste sentido, lembrou que esta folla de ruta de todas as actuacións en materia de obras educativas aposta por espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas do século XXI. “Un novo modelo de colexios e institutos poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptables e cómodos e que, ademais, sexan eficientes desde o punto de vista medioambiental ”, destacou.

Eficiencia enerxética

De feito, tal e como explicou, boa parte das actuacións realizadas no colexio CEIP Plurilingüe San Marcos foron orientadas á mellora da eficiencia enerxética do centro. En concreto, acometeuse a substitución da totalidade da cuberta por unha nova de panel sandwich, así como a colocación de illamento exterior tipo SATE nas fachadas.

Ademais, mudáronse as carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo e instalouse iluminación tipo LED tanto no edificio orixinal como nas ampliacións do mesmo.

Melloras na biblioteca e de accesibilidade

A través desta rehabilitación, o centro conta tamén cun novo espazo de biblioteca, con maior ventilación e iluminación natural, grazas á habilitación para este uso de dúas antigas aulas.

A maiores, realizáronse varios traballos de mellora da accesibilidade, como a reforma das ramplas de acceso ao edificio orixinal e dos aseos.