Actividades gratuítas de divulgación astronómica
A Xunta, a través do programa O teu Xacobeo, impulsa este verán máis de 30 actividades gratuítas de divulgación astronómica en Galicia coa intención de levar a experiencia divulgativa e científica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela aos concellos da ruta xacobea.
Trátase de O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño, que inclúe varias accións como a que tuvo lugar o 23 de Agosto (2019) e na que participó a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no paseo de Silgar de Sanxenxo a partir das 22,00 horas. Os asistentes a esta iniciativa poderán realizar observacións das estrelas con telescopios profesionais asesorados por persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
Con esta iniciativa os profesionais do Observatorio poñen en valor a secular relación da Astronomía co Camiño de Santiago. O proxecto está encamiñado a promover o importante patrimonio natural e cultural como é a Vía Láctea e impulsa o turismo astronómico.
Tras o seu
paso por Sanxenxo, o calendario de O
Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño continuará durante o mes de
agosto e setembro, tras un exitoso mes de xullo con varias actividades. As
vindeiras accións previstas serán o domingo 25 de agosto en Rianxo; o luns 26
en Padrón; o 27 de agosto en Ordes o 28 en Monforte de Lemos, o 29 de agosto en
Lalín e o 30 de agosto en Alto da Agrela, no concello coruñés de Teo. As
actividades comezarán ás 22,00 horas, agás en Teo, cando está prevista para as
21,30 horas.
No mes de
setembro o calendario desta iniciativa continuará o día 4 en Ordes, o 5 de
setembro no Pico Sacro, en Boqueixón; o 6 de setembro en Vedra, o 20 de
setembro en Barbadás e Lalín. En todos os casos as actividades comezarán ás
21,30 agás en Barbadás e Lalín, que será ás 21,00 horas.
Xornadas en Pena Trevinca
Xunto á iniciativa O Camiño das Estrelas. As Estrelas do Camiño, ao abeiro de O teu Xacobeo tamén se impulsan proxectos coa astronomía como protagonista como o que se desenvolverá nos meses de setembro, outubro e decembro en Pena Trevinca, no concello da Veiga, en Ourense, un dos dous destinos Starlight cos que conta Galicia. Organizarase durante tres fins de semana e combinarán observación astronómica, música folk, relatorios...
Máis de 300 proxectos en toda Galicia
A iniciativa
O teu Xacobeo promovida polo Goberno
galego acolle unha ampla oferta de actividades para estender por toda Galicia
os valores do vindeiro Xacobeo 21. O programa conta cun investimento de 4,7 millóns
de euros para poñer en marcha 352 proxectos espallados por toda Galicia e
deseñados por concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas galegas, convidando
deste xeito á participación de toda a cidadanía e a descentralización da
programación do próximo Ano Santo.
As
actividades incluídas na programación de O
teu Xacobeo abarcan temáticas como a difusión da cultura, o patrimonio, a
gastronomía, o deporte e a arte de Galicia coa vista posta na promoción do
Xacobeo 2021. Neste caso, as accións enfocadas cara ás actividades de
astronomía pretenden promover o turismo astronómico e científico.