O Psoe local reclama un plan de humanización más amplo para Arteixo
Simón López afirma que “en moitas zonas do centro urbano de Arteixo, a convivencia entre vehículos e peóns faise moi difícil”
O desenvolvemento da Unidade de Actuación 49, na contorna do Centro de Día de Arteixo, suporá a urbanización dalgunhas das parcelas da zona. Pero o Grupo Municipal Socialista defende a necesidade de poñer en marcha un plan de humanización máis amplo. Piden “solución aos actuais problemas de mobilidade e mellorar a calidade dos espazos urbanos”. Simón López, portavoz do Psoe local, explica que este plan debería ir acompañado dunha reorganización do tráfico e unha ordenación das prazas de estacionamento. Propón habilitar parcelas baldías e axeitar aquelas que moitos condutores empregan como aparcadoiros informais. Así mesmo, denuncia que “en moitas zonas do centro urbano, a convivencia entre vehículos e peóns faise moi difícil” pola estreiteza de beirarrúas ou mesmo a súa ausencia "o que obriga ás persoas a camiñar pola calzada".