Xurxo Couto acompañou a Ana Pontón no mitín en Arteixo

A líder nacionalista exemplificou en Arteixo as consecuencias de non ter peso político no Estado para defender os intereses do país

Electrointensivas e porto, prioridades para a comarca. A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin en Arteixo para instar os galegas e galegas a converter nunha oportunidade para Galiza o problema xerado “pola incompetencia” das forzas estatais, conseguindo recuperar voz propia no Congreso da man do BNG, a única forza “coas mans libres” para defender os intereses do país “sen ter que pedirlle permiso a ninguén”.

“Estamos aquí pola incompetencia e a inutilidade das forzas

estatais que nos demostraron que lle pesan máis egos e intereses partidistas

que os problemas que cada día soportan a xente deste país, que demostraron unha

vez máis, até que punto a política que se fai desde Madrid non nos representa,

e de novo deixaron negro sobre branco o desprezo co que tratan a Galiza”,

denunciou.

Pontón amosouse convencida de que este 10N o Bloque vai

obter representación na Cámara baixa despois de que o pasado 28A quedase ás

portas de obter escano. “Duplicamos votos pero faltou un puñado de votos. O 10N

non é a segunda volta de Pedro e Pablo, o 10N é a segunda volta para que Galiza

recupere voz no Congreso da man do BNG”, proclamou.

Neste sentido, recalcou que a formación nacionalista “vai ir a por todas, porque non é un reto do BNG senón un reto de país” conseguir no Estado unha representación capaz de “facer valer” Galiza. Por iso, apelou a todas as persoas “cabreadas” para pedirlles que o 10N “aposten por sumar no BNG todo o voto en clave galega e de progreso. Non lles imos fallar”, comprometeu.

Pontón salientou a “urxencia” de recuperar o peso político

que lle corresponde a Galiza e sacala da “irrelevancia política” consecuencia

da discriminación e do ninguneo das forzas estatais e das súas sucursais

galegas. “Porque entre uns e outros estannos roubando o futuro, non só o PP e

PSOE de Madrid, tamén o PP e o PSOE galegos, os que din que defenden Galiza

pero están todo o tempo mirando para Madrid e facendo o que desde alí lle

ordenan”. “Vascos, cataláns, canarias, valencianas, até os cántabros teñen

representación propia que pelexa polo seu, mentres Galiza está desaparecida

porque ningún dos 23 deputados e deputadas do PP, PSOE ou Podemos defenden este

país. Se queremos un país con futuro necesitamos organizacións políticas libres

e a única organización política libre na Galiza chámase BNG, quen pode cambiar

as cousas é o BNG”, proclamou.

A líder nacionalista exemplificou en Arteixo as consecuencias de non ter peso político no Estado para defender os intereses do país por exemplo do seu sector industrial.

Consecuencias da irrelevancia política

“Arteixo, no corazón da comarca da Coruña, canta riqueza e emprego se xoga na crise de ALCOA? Cantos empregos se decae o porto exterior polo peche de ENDESA? Como lle afecta que aínda hoxe non estea saneada a Ría do Burgo? Canta riqueza e emprego se xoga Arteixo se os servizos que hoxe presta a empresa de telefonía R se van para Eusakdi? Como vai afectar a este concello e a esta comarca a crise industrial sen precedentes, o peche ou deslocalización de empresas? “Pois todo isto é o que nos xogamos o 10N, e para saír en defensa do futuro deste concello e desta comarca é máis urxente ca nunca ter voz propia no Congreso da man do BNG”, concluíu.

Na súa intervención, o cabeza de lista pola Coruña, Néstor

Rego, comprometeuse a esixir no Congreso uns investimentos necesarios para

avanzar que respondan ás necesidades e urxencias do país, coma sempre fixo o

BNG cando foi a voz de Galiza en Madrid. Porto e electrointensivas, prioridades

Lamentou así que PSOE e Podemos aprobaran un proxecto de orzamentos no que

esqueceran esixir para este país "o mesmo trato que para outros".

Neste sentido, prometeu que, como deputado, defenderá "a condonación da débeda do Porto da Coruña, como se fixo recentemente co Porto de Valencia, así como a execución do acceso ferroviario, absolutamente imprescindíbel para que o porto sexa plenamente operativo e para garantir a súa competitividade". Igualmente, terá como prioridade buscar unha solución que "dea estabilidade ás industrias electrointensivas, que poña fin á incerteza de empresas como ALCOA ou Ferroatlántica, que garanta o mantemento dos postos de traballo pois a súa perda sería un mazazo económico e social fatal para Arteixo e para a comarca". Compromiso tamén, ante a veciñanza, para reclamar a execución urxente da obra para evitar o paso de mercadorías perigosas por Meicende e o compromiso de construír un centro de interpretación para musealizar os restos do castro de Punta de Muras, actuacións esquecidas no proxecto de Orzamentos.