Belén do Campo apoia a modernización das rúas de Arteixo e contribuír á dinamización do comercio
Do Campo aproveitou a súa estancia no municipio para visitar as cinco rúas comerciais que foron reformadas co apoio da Xunta, que a través deste programa destinou unha achega de 225.000 euros a estes traballos. Nese senso, o rexedor anuncioulle que o seu concello concurrirá a esta nova convocatoria, que se pecha o día 9 de xuño, cunha actuación para acometer a renovación do mobiliario urbano destas vías. Trátase das rúas Alcalde Genereso González Meis, Alcalde Francisco Fernández, Médico Amenedo Casabella, Canónigo Cándido Varela e o tramo inicial de Ría de Ferrol. Ademais, trasladoulle o proxecto de reforma da praza do Balneario, que tamén podería acollerse a estas subvencións.
En total, Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, destinará 4,5 millóns de euros para que os concellos poidan acometer a adecuación e modernización das infraestruturas comerciais ou potenciar as prazas de abastos, o que supón preto dun 10% máis que no último exercicio.
Primaranse os proxectos de xestión compartida
Tal e como subliñou a delegada territorial, “Arteixo supón un exemplo de que as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles pola súa cercanía ao comerciante e polo seu coñecemento directo do comercio local”. Por iso, Do Campo destacou que, como novidade na convocatoria deste ano, apóiase a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos. Ademais, prímanse os proxectos de xestión compartida, aumentando nun 15% a porcentaxe subvencionable no caso das solicitudes presentadas conxuntamente por varios concellos.
Este programa enmárcase na estratexia da Xunta de impulso ao comercio “como elemento vertebrador das vilas e cidades galegas e sector de relevancia para a reactivación económica”, sinalou a máxima representante do Goberno galego na provincia. Neste sentido, para actuacións de creación ou mellora de rúas e zonas peonís comerciais, os concellos de ata 75.000 habitantes poderán acceder a axudas de ata 90.000 euros, achegando a Xunta o 75% do investimento total. Tamén se promoverán actuacións nos principais eixes comerciais, con axudas para amoblamento urbano e sinalización comercial de ata 40.000 euros e un 75% do investimento, e iniciativas de dinamización comercial con axudas de ata 3.000 euros, ás que poderán acceder os concellos de menos de 40.000 habitantes.
Ademais, para a mellora dos espazos nos que se celebran mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica os municipios de menos de 20.000 habitantes poderán solicitar apoios de ata 30.000 euros que alcanzan un 75% do investimento. Todos os municipios galegos poderán solicitar axudas de ata 3.000 euros para a posta en marcha de puntos de información ao comerciante dentro da Rede de Dinamización Comercial (REDIC) da Xunta.
Apoio ás prazas de abastos
Por outra banda, axudas de maior contía -de ata 120.000 euros- son as destinadas ás actuacións nas estruturas físicas das prazas. Isto permitirá avanzar na posta en marcha dunha Rede Galega de Mercados de Abastos Excelentes e na súa consolidación como líderes na venda de produto fresco, con novos e mellorados servizos para os consumidores.
En concreto, para as prazas de abastos, os concellos de ata 40.000 habitantes poderán acceder a axudas de ata 120.000 euros que supoñen o 75% do investimento para actuacións entre as que se inclúen a súa remodelación e modernización, a supresión de barreiras arquitectónicas, a mellora da imaxe comercial ou a mellora do consumo de recursos enerxéticos e redución de residuos. Así mesmo, poderán recibir apoios de ata 4.000 euros e o 80% do investimento para actuacións de atracción de novos consumidores e promoción das vendas nos mercados, no marco dun proxecto de incentivación ao consumo no que participen de xeito directo os praceiros e as súas asociacións.
Por último, Do Campo lembrou a importancia dos comerciantes para facer posible a revitalización dos concellos galegos e da súa economía e fixo especial fincapé no esforzo dos comerciantes de Arteixo, un concello no que a pesar das dificultades actuais, os emprendedores continúan abrindo novos negocios.