A Carballeira do futuro segue o seu curso
A Carballeira do Futuro conta xa con máis de 150 árbores amadriñadas e apadriñadas por nenos e nenas de Carballo.
"Moitos dos bebés que participaron na plantación comunitaria do 19 de marzo aínda non saben andar, pero agardamos que cando dean os seus primeiros pasos, e moitas veces máis despois, regresen ao polígono industrial de Bértoa para visitar ás árbores que apadriñaron e amadriñaron, e coas que están axudando a crear a Carballeira do Futuro.", apuntan desde el Concello.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que deu a benvida ás familias, lembrou que todos os fillos do Carballo de Vilar de Francos, que se plantaron o ano pasado, prenderon, “o cal quere dicir que o carballo era bo. Esperemos –engadiu- que os 103 que se van plantar hoxe teñan unha longa vida, e que teñades a oportunidade de volver a pasear por este parque e dicir: aquí está o meu carballo, que leva o meu nome, e planteino o 19 de marzo do ano 2022”.
Todos os factores parecían aliados para desfrutar dunha xornada inesquecible, como así foi. Porque fixo moi bo tempo, houbo animación musical, globos para todos e, sobre todo, moitísima ilusión entre as familias, ás que quíxose devolver multiplicadas por moito todas as felicitacións que lles fixeron chegar polo acto.
A Carballeira do Futuro conta xa con máis de 150 árbores amadriñadas e apadriñadas por nenas e nenos de Carballo. Como os participantes na plantación comunitaria aínda son moi pequenos, o traballo fixérono as familias. Mamás, papás, irmáns maiores, avós, tías… todas e todos quixeron poñer o seu gran de area, agardando pacientemente a súa quenda para plantar, seguindo as instrucións do persoal da Brigada Municipal de Xardíns para utilizar correctamente o compost procedente da planta de compostaxe de Sogama, elaborado cos residuos que depositamos os carballeses e as carballesas nos colectores marróns, regando e posando para a foto en familia, sen dúbida unha imaxe para o futuro.