Carballo impulsa unha rede de parques integradores
O Goberno local aposta por facer parques integradores accesibles para todos os nenos e nenas.
Así, o Goberno local do Concello de Carballo está a impulsar unha rede de parques integradores. O investimento inicial ronda o millón de euros.
Neste sentido, xa comezaron as obras de reforma integral dos parques do Chorís e da Praza do Hospital. Nos vindeiros meses se irán sumando novas actuacións no municipio. A actuación en cada parque afectará tanto ao recinto como aos xogos infantís, varios deles inclusivos.
En total o Goberno inviste 106.003,78 euros procedentes dos recursos municipais. Ademais tamén se inclúen os 551.568,40 euros do proxecto “Carballo para a infancia”, que será financiado cunha subvención da Deputación da Coruña do 80% do orzamento total, segundo o acordo asinado polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo.
Tamén grazas a esta achega acometerase a reforma integral dos parques da Praza do Concello, a Praza Eduardo Pondal e a Praza da Milagrosa, nos que actuarase nos recintos e nas zonas axardinadas e realizarase unha renovación completa dos xogos infantís.
Parques integradores nas parroquias
Por outra lado, as actuacións transformadoras tamén chegarán, nos vindeiros meses, a varias parroquias. Con cargo ao remanente de tesourería do ano pasado o Goberno poderá acometer a reforma integral de toda a área de ocio da Ponte de Bértoa, incluído o parque infantil; a reforma integral do parque infantil de Razo e a creación dunha nova zona de xogos en Artes. En total investiranse máis de 300.000 euros.
Intervencións puntuais
Ademais nestes momentos a Brigada Municipal de Obras está realizando traballos puntuais en varios parques, entre eles o da Praza do Outeiro, no que xa se renovou o mobiliario urbano e tamén está previsto acometer a mellora dos xogos.
Apuntar tamén que desde o Concello de Carballo din "agradecemos ás familias usuarias que nos fagan chegar calquera posible anomalía que poidan detectar para poñerlle solución o antes posible".