Celebración do Día de Rosalía
Conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro nas bibliotecas e centros de ensino galegos.
A Xunta de Galicia conmemora o nacemento de Rosalía de Castro cunha ampla actividade que leva ás bibliotecas públicas, os centros de ensino, así como aos centros de Estudos Galegos que o Goberno autonómico ten no exterior, con propostas que se prolongan máis aló da efeméride, o 23 de febreiro.
Mostras, obradoiros, espectáculos de teatro e narración oral ou música, entre outras propostas, integran a programación organizada nas bibliotecas xestionadas pola Xunta, para público de todas as idades e que pode consultarse nas webs dos respectivos centros bibliotecarios.
A Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, ofrece o sábado 26, ás 17,00 horas no Auditorio Neira Vilas, o espectáculo familiar de teatro Rosalía, a cargo de Culturactiva. A peza, dirixida por Fina Calleja e con Rocío González e Cris Collazo en escena, presenta a autora sendo unha nena nun momento crucial da súa vida. Tamén en Santiago e nesa mesma xornada, a biblioteca pública Ánxel Casal acolle o contacontos Rosalía marabillosa, con Charo Pita. Dirixido á cativada de tres a oito anos, a sesión comeza ás 12,00 horas e a participación nela require da retirada do convite desde media hora antes do inicio no mostrador de información.
No marco desta conmemoración, no centro compostelán xa se pode visitar desde a pasada semana a mostra bibliográfica infantil Poetas galegas que escriben o que senten e saben. Coa frase da autora galega máis universal como título, expóñense publicacións de poetas galegas ata o 31 de marzo. Ademais, coincidindo coa data do nacemento de Rosalía de Castro, a biblioteca encherase de versos rosalianos distribuídos polos diferentes espazos en homenaxe á súa figura. Permanecerán tamén ata finais de marzo.
A maiores, a biblioteca Ánxel Casal organiza diversas propostas en liña destinadas ás persoas que non se poidan achegar ao centro. A través delas difunde ligazóns específicas para dar a coñecer a ruta Espazos de Rosalía en Compostela baseada no libro de Mercedes Espiño, un percorrido cronolóxico polos principais momentos da traxectoria vital e literaria da escritora e unha listaxe de Spotify con poemas de Rosalía musicados por
diferentes artistas.
A biblioteca da Xunta na Coruña Miguel González Garcés instala no seu vestíbulo a mostra Rosalía de Castro, composta por unha escolma das obras máis representativas da autora de Cantares Gallegos. Poderá visitarse ata o remate do mes.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Lugo ofrecerá o espectáculo musical Cantando os Cantares, un percorrido polos Cantares Gallegos en forma de concerto da man de Truque Matruque. Dirixido á rapazada de catro a 12 anos, terá lugar o venres 25 ás 18,00 horas. En Ourense, a actividade conmemorativa prevista será o día 24, no marco das habituais sesións dos xoves para público infantil de sete anos en diante. Nesta xornada, Rosalía de Castro será a protagonista da sesión Ven ler, cantar, recitar e xogar entre palabras, desenvolvida con Sarabela Teatro.
Lectura de poemas
Na provincia de Pontevedra, a biblioteca Antonio Odriozola, situada na capital, réndelle homenaxe á autora galega co obradoiro creativo para adultos Rosalía: Palabra e imaxe, a cargo de Anias. A través da análise de imaxes de Rosalía de Castro e da lectura dalgúns dos seus poemas, as persoas participantes achegaranse á vida e obra da escritora. A actividade complétase cun exercicio de escrita no que cadaquén entrará en diálogo con Rosalía de xeito distinto. Será o venres 25 ás 18,00 horas.
Por último, en Vigo, a biblioteca Juan Compañel instalou xa a mediados de mes senllas mostras, unha para público infantil e outra para adulto. A primeira delas Entre Cantares, ofrece unha selección de distintas edicións dos libros de Rosalía e discos de autores que musicaron os seus poemas. A segunda, O século de Rosalía, consta de paneis explicativos arredor dos fitos culturais e históricos na Galicia do XIX para contextualizar a obra e vida da autora. Ambas permanecerán no centro ata o 12 de marzo. Ademais, para o sábado 26 organizouse o espectáculo musical infantil A musa dos pobos, no que Servando Barreiro, acompañado de guitarra e concertina, ofrecerá unha recreación poética e musical combinando narración oral, poesía e cancións. Será ás 12,00 horas para rapazada de catro anos en diante.
Novos materiais nos colexios
Pola súa banda, a Xunta traballa un ano máis da man dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino para crear novos materias en torno á poeta galega. Así, case unha vintena de colexios prepararon novas unidades didácticas, xogos, dípticos ou mesmo biografías que se unen á base de recursos dos anos anteriores e que poden consultarse no Portal da Lingua Galega.
Tamén os Centros de Estudos Galegos que o Goberno Autonómico mantén no exterior, como os de Padua, Río de Janeiro, Niterói, Barcelona, A Habana ou O Algarve, mostraron a súa vontade de celebrar o novo Día de Rosalía organizando actividades tales como obradoiros de tradución, seminarios, roteiros ou conferencias. Ademais, as universidades de Leipzig, Complutense de Madrid, Oxford e Sorbonne Nouvelle uníronse para organizar de forma conxunta unha actividade en liña que poderá seguirse na ligazón https://meet.uni- leipzig.de/b/gon-3ep-mhs-gbb este día 23. Todas as actividades programadas para este día poderán consultarse na axenda do Portal da Lingua Galega.
Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora en iniciativas como o programa Es ti que cantas!, que inclúe audiolibros, pílulas audiovisuais e mesmo un concurso para redes sociais arredor da figura de Rosalía; coas VIII Convergências Portugal-Galiza, que inclúen, como cada ano, concertos homenaxe á autora de Follas Novas, ou coa exposición El herbario de Rosalía de Castro: Nasín cando as prantas nasen, que permanecerá no Real Jardín Botánico de Madrid ata o 25 de marzo.