A consellería de Cultura e Educación pon ao dispor dos usuarios das bibliotecas públicas máis de 1.700 títulos en formato electrónico a través de "GaliciaLe"
“Ademáis, temos previsto que, en breve, esta colección se vexa ampliada con novas obras e licenzas, así como con álbums ilustrados e un libro interactivo, o cal suporá unha novidade importante, xa que se trata dunha oferta de contidos dixitais en galego para os máis pequenos pioneira en España”.
Durante a rolda de prensa de presentación, o titular do departamento de Cultura e Educación explicou que esta novo espazo virtual para o préstamo de libro electrónico, accesible en www.galiciale.es, responde ás necesidades dos usuarios e usuarias e pon ao seu dispor nas bibliotecas públicas un produto que, de feito, xa é unha realidade en moitos casos no seu consumo. “Deste xeito, avanzamos no cumprimento dun dos principios e valores de actuación aplicables en materia de bibliotecas recollidos na Lei de bibliotecas”.
No acto informativo participaron, ademáis do conselleiro, a subdirectora xeral de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Concepción Vilariño; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e a subdirectora xeral de Bibliotecas da Consellería, Cristina Rubal.
Vázquez Abad puxo en valor o traballo que cada día desenvolve o persoal das bibliotecas, tanto de asesoramento como no que atinxe á realización de actividades de formación en novas tecnoloxías dos usuarios e usuarias; “técnicos que constantemente renovan a súa cualificación para ofrecer o mellor dos servizos e, neste caso concreto, contribuír a que ningún de nós perdamos o tren da lectura dixital”. Neste sentido felicitou tamén a Amtega polo labor que está a realizar para romper coa fenda dixital, “mellorando a conectividade de todo o territorio e facilitando así a difusión de programas coma este en todos os recunchos de Galicia”.
Pola súa parte, Mar Pereira afirmou que a Administración galega asumiu hai cinco anos o reto de conseguir que todos os galegos teñan acceso a uns servizos públicos dixitais de calidade e que GaliciaLe é unha excelente ferramenta para facilitar o acceso a lectura na nosa comunidade, na que máis do 22% dos galegos, que compran por Internet, adquiriron libros revistas e xornais no último ano e preto do 60% prefire descargar libros electrónicos en vez de recibilos por correo postal, 4 puntos por riba da media estatal.
A responsable da política tecnolóxica da Xunta sinalou que GaliciaLe é unha peza nunha estratexia global que, no medio prazo, ten como obxectivo que Galicia conte cun único sistema de xestión para todas as bibliotecas da Comunidade e un catálogo único que permita acceder online a todos os fondos bibliográficos da rede de bibliotecas de Galicia.
Préstamo dixital gratuíto
GaliciaLe é a plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas públicas galegas, desenvolvida pola Consellería en colaboración coa Amtega e co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. O obxectivo deste programa é incrementar as posibilidades de lectura neste formato poñendo á disposición da cidadanía galega unha importante colección de títulos actuais en formato electrónico, en galego e en castelán, de xeito gratuíto.
Este novo servizo en liña supón un importante fito na ruptura das dificultades que a dispersión xeográfica pode supoñer en Galicia para o acceso á cultura, xa que as descargas poderán realizarse desde a casa, sen necesidade de desprazarse á biblioteca.
Para facer uso deste novo servizo soamente é necesario ter o carné de lector ou lectora dalgunha das bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, conexión a internet e rexistrarse na plataforma virtual para obter as claves de acceso. O usuario ou usuaria poderá tomar en préstamo ata un máximo de dous libros durante un prazo máximo de 21 días. Se a obra ou obras que se buscan están prestadas, poderanse solicitar en reserva (ata un máximo de dúas). Unha vez realizado o préstamo, o usuario poderá optar pola lectura en liña ou descargar o libro electrónico en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e/ou lectores electrónicos.
A colección está composta por 1.710 títulos que cobren diferentes campos da cultura e do coñecemento e van dirixidos tanto ao público adulto como infantil, estruturados en oito campos: ficción para público adulto, infantil e xuvenil, ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades, saúde, desenvolvemento persoal, ocio, deporte e informática, idiomas, audiolibros, aplicación interactiva e, proximamente, álbum ilustrado.
Estender a lectura e ampliar as coleccións
Con este novo servizo bibliotecario, ademais de ofrecerlle a toda a cidadanía a posibilidade de tomar en préstamo, de forma gratuíta, obras en formato dixital, a Consellería de Cultura e Educación tamén pretende estender a lectura a novos sectores sociais que non son usuarios habituais dos servizos presenciais das bibliotecas públicas; aumentar o volume, a actualización e a diversidade de contidos e de soportes das coleccións das bibliotecas públicas galegas así como impulsar o consumo legal de contidos dixitais de calidade e actuais.