Educación convoca 1.125 prazas de estadías lingüísticas en inglés para o alumnado de primaria e ESO
A Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional acaba de convocar a English
Week deste outono, un total de 1.125 prazas
dirixidas ao alumnado de 6º curso de Primaria e dos catro cursos de
ESO, para que realicen estadías lingüísticas en inglés que cada
ano organiza a Xunta de Galicia.
As estadías, enmarcadas dentro da
Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, son
totalmente gratuítas para as familias, xa que a Consellería asume o
custe das mesmas cunha partida de 561.000 euros destinados a sufragar
os gastos de docencia e material escolar, de mantemento e aloxamento
dos rapaces, a contratación dos monitores que os acompañan, as
actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, os
certificados e os seguros correspondentes.
Tal como se establece na orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, os centros escolares interesados en participar dispoñen de prazo desde mañá e ata o 1 de xullo para tramitar a correspondente solicitude. O número máximo de candidatos por centro será de 25 alumnos, todos do mesmo nivel educativo. E para a selección dos centros establécense unha serie de requisitos entre os que se priman cuestións como os contornos socioeconómicos menos favorecidos e os centros do ámbito rural.
As estadías desenvolveranse en dez
quendas dunha semana de duración entre o 6 de outubro e o 14 de
decembro deste ano. Deste xeito, os rapaces pasarán unha semana de
domingo a sábado en réxime de internado nun campamento con
profesores e monitores nativos en inglés, onde compaxinarán as
actividades formativas con outras de carácter lúdico.
O obxectivo principal é proporcionar
ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística
que lles permita mellorar as súas destrezas de comprensión
e expresión oral en lingua inglesa. Para iso, organizaranse
tanto actividades académicas como de tempo libre e obradoiros, de
tal forma que se reforce a un tempo o programa ordinario do currículo
dos alumnos e das alumnas e a convivencia entre eles, promovendo a
comunicación en lingua inglesa entre os participantes.
Por
primeira vez, o alumnado participante na English Week estará
acompañado por un profesor/a de inglés ou outro/a profesor/a do
centro cun coñecemento da lingua inglesa adecuado para participar no
devandito programa de inmersión nesta lingua durante o
desenvolvemento da actividade.