O BNG solicitou informes sobre o incendio en Figueiroa, Arteixo
O Bloque Nacionalista Galego solicitou onte, 16 de decembro, no Concello de Arteixo os informes que consten sobre o incendio permanente na área da empresa Inversiones Castro Veira, situada na parroquia de Figueiroa en Arteixo.
O incendio produciuse o pasado 31 de outubro e, tras mes e medio, continúa ardendo na área. O lume debeuse á propia combustión dos restos de podas e masa forestal e os bombeiros indicaban que podería estar activo máis do esperado pero que a extinción se podería acelerar coas chuvias. Tras un novembro no que non cesou de chover, o incendio continúa activo ata día de hoxe.
"Desde o BNG de Arteixo - afirman- interesámonos por esta cuestión en reiteradas ocasións e, ante unha situación á que o goberno do PP parece non demandar solución, solicitamos todos os informes que consten no Concello de Arteixo sobre este tema, tanto municipais como do servizo de bombeiros. Ademais, denunciamos a situación no Seprona, onde tamén pedimos informes que alí consten sobre este incendio".
"Moitos veciños e veciñas vense afectados polos malos olores que desprende a continua combustión. Estamos preocupados pola calidade de vida e saúde da veciñanza así como pola calidade do aire de Arteixo, que parecen non importarlle ao goberno de Calvelo. Así, queremos ser informados sobre esta situación e que se tomen medidas ao respecto", dixo Xurxo Couto, portavoz local, sobre el incencio en Figueiroa.