Plans de formación permanente do profesorado nos centros de Arteixo

Convocan a centros públicos que impartan Primaria, ESO e Bacharelato nos plans de formación permanente do profesorado neste curso 2019/20

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de publicar a resolución da convocatoria dos centros públicos que impartan Primaria, ESO e Bacharelato que van implantar plans de formación permanente do profesorado neste curso 2019/20. Entre eles CEIP de Arteixo, Ponte dos Brozos, EEI Barrionovo, IES de Pastoriza, IES de Sabón, CEIP de Galán Arteixo e IES Manuel Murguía Arteixo.

O obxectivo desta iniciativa é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes, necesarias para responder aos retos educativos actuais, impulsando a súa aplicación e desenvolvemento na aula, e buscando a excelencia educativa e a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares do alumnado.

Serán un total de 876 os centros que desenvolvan esta iniciativa, dos que 343 son da provincia da Coruña. Deles, 160 continúan con plans xa existentes e outros 183 incorporan plans novos. A relación completa de centros seleccionados pode consultarse na ligazón: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/29960

Tanto durante o proceso de solicitude para a formación permanente como ao longo de todo o desenvolvemento do plan (cuxa duración oscila entre dous e catro cursos académicos) os centros reciben o apoio da rede de formación dependente do Consellería, a través dun asesor de formación asignado que guía este proceso e que se encarga de organizar as distintas xornadas de formación e de poñer en contacto aos centros cos relatores que lles interesen.

Liñas de traballo

A convocatoria artellouse arredor de 11 liñas de traballo, entre as que se sinala como prioritaria a de Deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial. Ademais desta liña os plans de formación poden abordar a planificación estratéxica das linguas no centro, a integración didáctica das TIC, a escola inclusiva e atención á diversidade, a convivencia escolar e clima da aula, a actualización científica e didáctica do profesorado, a mellora da xestión dos centros, os programas europeos e internacionais, a biblioteca escolar, as iniciativas formativas no ámbito STEM e a orientación vocacional e profesional.

Neste sentido cómpre sinalar que todos os centros educativos que desenvolven as convocatorias STEM impulsadas pola Consellería (EDixgal, Espazos Maker, STEMbach, Club de Ciencia...) teñen asociados un PFPP que se enmarca dentro da liña Iniciativas formativas no ámbito STEM.

Proxectos Erasmus+

Por outra banda, a través da liña destinada aos Programas europeos e internacionais dos PFPP estáselles a prestar formación e apoio aos centros educativos galegos que desenvolven proxectos Erasmus+, tanto para realizar as solicitudes nas diferentes accións da convocatoria como para desenvolver os proxectos nos que están involucrados. 

Do desenvolvemento destes plans de formación tamén xorde a colaboración para os distintos proxectos Erasmus+ que lideran os Centros de Formación e Recursos (CFRs) e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). Ademais, desde os PFPP tamén se fomenta o emprego da plataforma e-Twinning, a través da que os docentes poden traballar de xeito colaborativo con outros centros de ensino de toda Europa.