Galicia é a primeira comunidade en ofertar a vacina tetravalente celular fronte á gripe
A Consellería de Sanidade ofrecerá a vacinación fronte á gripe de xeito continuado ao longo de 11 semanas (unha máis que na campaña anterior), en arredor de 900 puntos de vacinación de todo o territorio galego. A campaña comenzará o 14 de outubro e rematará o 27 de decembro. Así o manifestou hoxe o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez, na presentación da campaña de vacinación antigripal 2019, onde remarcou que o departamento sanitario ofrece á poboación galega as mellores vacinas dispoñibles no mercado, con maiores expectativas de eficacia e de protección fronte ao virus da gripe. De feito, Galicia será a primeira autonomía en administrar nesta campaña, e tamén por primeira vez, unha vacina tetracelular a persoas de 15 a 64 anos, con factores de risco. Sanidade cumpre así cun dos obxectivos marcados no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, aprobado en maio pasado. En total, Sanidade adquiriu 615.000 doses de vacinas antigripais (7.000 máis que en 2018), e destinou un orzamento de 3.466.632 €, 1.283.412 € máis que no ano 2018, o que supón un incremento de preto do 59%.
“Só
coñecemos, de momento, tres autonomías, ademais da galega, que ofrecerán a
vacina tetravalente á poboación en risco entre os 6 meses e os 64 anos: Castela
e León, Asturias e Canarias, se ben estas empregarán só a tetravalente de
cultivo en ovo”, afirmou Paz-Ares Rodríguez. Galicia é, de momento, a única
comunidade que utilizará de forma diferencial a vacina tetravalente celular no
grupo de idade con factores de risco de 15 a 64 anos, á
que se lle supón unha importante maior eficacia con respecto á citada
anteriormente, segundo estudos recentes.
O director
xeral de Saúde Pública destacou que este ano administraranse por unha banda as
vacinas antigripais tetravalentes á poboación en risco entre os 6 meses e os 64
anos. Estas vacinas conteñen ademais das 3 cepas habituais unha cepa a maiores
do virus B, co que a priori, aumentan a protección. Doutra banda,
utilizarase a vacina trivalente adxuvada, con maior poderinmunoxénico e unha resposta
inmune máis potente.
Deste
xeito, nesta campaña de 2019 empregaranse 3 tipos de vacinas: a vacina
tetravalente de cultivo en ovo, que pode ser utilizada na poboación infantil,
con patoloxía de base, de 6 meses de idade ata os 14 anos; a vacina tetravalente
de cultivo celular, que se empregará por primeira vez para as persoas con
factores de risco de 15 a 64 anos, e tamén está indicada para embarazadas; e a
vacina trivalente adxuvada, para todas as persoas de 65 anos ou máis ingresados
en residencias ou non e que se corresponde co grupo de persoas con maior risco
de complicacións. Esta ampliación de idade nesta última vacina significa un incremento do 72% de doses con respecto ao ano pasado. Todos os centros disporán dos tres tipos de vacinas.
Do total
das 615.000 doses de vacinas antigripais adquiridas, 20.000 corresponden a
tetravalente de cultivo en ovo, 165.000 á tetravalente de cultivo celular e
430.000 doses son de vacina trivalente adxuvada (180.000
doses mais que o ano pasado).
Outras das novidades salientables da campaña 2019, en canto á poboación diana, é a inclusión como grupo de risco aos nenos de entres 6 meses de idade que naceran prematuros (con menos de 32 semanas de xestación) e a incorporación explícita das persoas con trastornos da coagulación.
Sanidade mantén a indicación prioritaria desta vacinación no persoal sanitario do Sergas, por segundo ano consecutivo e tras a boa aceptación que tivo esta iniciativa en 2018, ofertando a posibilidade de vacinarse, de forma exclusiva, unha semana antes do comezo da campaña xeral, é dicir, o 7 de outubro. Deste xeito, o persoal pode afrontar o inicio da campaña de vacinación xa protexido fronte á gripe, evitando o risco de transmisión aos seus pacientes. Como novidade, o departamento sanitario amplía esta oferta aos profesionais dos centros hospitalarios privados.
Como xa
sucedera tamén durante a campaña antigripal de 2018, repartiranse unhas chapas
co lema Eu vacineime. E ti? para
singularizar ao persoal sanitario vacinado.
Poboación diana e obxectivos
específicos
A
vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 anos ou máis anos,
residente en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas,
nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico (AAS)
nenos de 6 meses a 2 anos de idade que naceran prematuros e tamén para aquelas
persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñan a
padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle
poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que
se atopan os traballadores sanitarios) e para persoas que desenvolven servizos
esenciais para a comunidade.
A vacina
antigripal non só evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións
derivadas desta a enfermidade e o risco de hospitalización e morte relacionada
coa gripe.
Os
obxectivos específicos son acadar unha cobertura na poboación de 60 a 64 igual
ou superior ao 35%; conseguir unha cobertura na poboación de 65 anos ou máis
anos igual ou superior ao 65%, acadar unha cobertura igual ou superior ao 50%
(10 puntos máis que en 2018) nos traballadores sanitarios do Sergas e igual ou
superior ao 55% (15 puntos máis que na pasada campaña) nas mulleres
embarazadas.
Loxística da campaña
Como en
anos anteriores, a Consellería de Sanidade terá activa unha web temática da
gripe como principal portal de información para a sociedade e os profesionais,
na que se actualizada toda a información técnica e os datos de evolución da
campaña.
Así mesmo, todos
os usuarios da aplicación informática VACGAL recibirán os avisos do inicio da
campaña. E os profesionais sanitarios (médicos e persoal de enfermería)
contarán con informes mensuais sobre a cobertura de vacinación antigripal por
cupo, que lles permitirá dispoñer de información personalizada.
A partir da
cuarta semana da campaña, tamén se desenvolverá o programa de promoción da
vacinación antigripal mediante chamada activa ou SMS. Os
profesionais de enfermería chamarán á poboación entre 65 e 74 anos que non teña
posta a vacina a esa altura da campaña ou tamén se
avisará por SMS ás persoas maiores de 65 anos, que o SERGAS teña o seu telefono
rexistrado. Tamén
se establecerán axendas de citación especial para vacinación e realizarase a
vacinación aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.