Entregan os premios do certame Manuel Murguía en Arteixo
O venres 5 se coñecerán os premios outorgados ás obras finalistas do 32º Certame de Narracións Breves
A organización do certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o venres 5 de maio ás 20:30 horas no auditorio do Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo.
O xurado, reunido o 25 de marzo de 2023 ás 10 horas en dependencias do Concello de Arteixo, e composto por Dona Ana Cabaleiro López (proposta pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Dona Esperanza Luz Mariño Davila (proposta pola Asociación Galega da Crítica), Don José Ignacio Silva Regueira (gañador do 31º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía) e Don Alfredo José Ferreiro Salgueiro, (director literario do Certame, que como secretario asiste ás deliberacións con voz e sen voto), decidiu por maioría premiar as seguintes obras finalistas (que aquí figuran por orde alfabética):
Endodoncias, presentada baixo o lema “Paki” e con autoría de Inmaculada Núñez Núñez.
Levidade, presentada baixo o lema “Etérea” e con autoría de Agustín Agra Barreiro.
Sinfonía a 3 voces sobre unha cidade a tumba aberta, presentada baixo o lema “Unha historia posible” e con autoría de Roberto Rodríguez González.
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 euros e a edición da obra para o primeiro, 2000 euros e a edición da obra para o segundo e 1000 euros e a edición da obra para o terceiro.
Actuación musical
O acto de entrega ofrecerá ademais a actuación musical de Mónica de Nut (baseada no seu traballo Raíces Aéreas), unha lembranza do tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego. Finalizado o acto, o Concello ofrecerá aos asistentes un viño de honra.