“Gústame o humor limpo. Pódense decir moitas cousas sen ser groseiro, é unha filosofía”
Arteixolandia é o blogue no que Juan José Barro deixa voar a súa creatividade. As súas viñetas satíricas e con retranca son unha forma de explorar a actualidade política e social de Arteixo. Cheíño de Tó é o nome baixo o que se escondía este debuxante que “acostumaba a romper as viñetas” até que alguén lle comentou que debería compartilas. Tras quedarse no paro decidiu dar o paso e publicalas en Internet. Os seus debuxos son unha crítica política e tamén unha defensa de algo tan noso como o idioma e a retranca.
Por que estabas no anonimato? Na Internet ninguén te ve a cara e non che fan a crítica directa. A xente tamén da ideas pero non quería que ninguén influira en min. Ata que fixen unha viñeta polo premio que recibira o poeta Modesto Fraga. Fun a mercar o seu libro e a hora de adicarmo díxenlle que eu fixera a viñeta e animoume para facer a exposición.
Promociónase esta faceta artística dende o concello? Hai moi bos debuxantes pero non o promocionan e estiveron todos no poder. En Carballo en número de veciños é case igual que en Arteixo e nivel de cartos ten moito máis este pero en Carballo hai moito movemento. Eu colaborei cunha revista e en Contos de Taberna. É un pouco deprimente que te soliciten en Carballo e aquí nin te coñezan.
Hai longa tradición de debuxantes de viñetas en Galicia, o noso humor fainas especiais? É o noso, non hai ninguén que o vexa así. Unha vez oín que os galegos temos unha intelexencia superior ao resto de españois e na retranca vese moito. Non o podes traducir ao castelán. Entristéceme moito pensar que se pode perder o galego, por iso o fago todo en galego.
As principais vítimas son os políticos… Acusarei a quen estea no poder, sexa quen sexa. Tamén fago algunha cousa a nivel nacional, con Feijóo ou Rajoy porque como nos afectan as súas decisión os considero locais.
Cal é o personaxe que máis viñetas che da? Calvelo, pero non o castigo moito. Métome na noticia e collo as palabras deles pero con retranca. Gústame o humor limpo. Pódense decir moitas cousas sen ser groseiro, é unha filosofía.
Falas de crispación política pero a xente tamén viviu momentos de enfado, cambiou a actitude? A sociedade está cansada, non confía. Eso é mais do galego, tanto lle da porque ninguén lle vai solucionar os problemas. Fixeron moito dano estes anos.
O Partido Popular está no Concello, na Xunta e no goberno central, se tornan as cousas, seguirás sendo crítico contra o que estea no poder? Si, porque é o que fai as cousas, tes que criticar se o fai ben ou mal. Dende fora é moi fácil, para todos, decir que habería que facelo doutra maneira pero cando toca e estás no poder queres facelo e ao mellor non che deixan. Ao que está no poder haino que axudar e non tratar de exterminalo porque é en beneficio de todos. Cando chegue o momento ou fagas unha cousa mal xa terás que retirarte.