Identificación e protección para os menores procedentes de Ucraína
Salientan a importancia de que todas as accións individuais destinadas a ofrecer axuda aos nenos e adolescentes ucraínos se fagan dun xeito coordinado e planificado.
A Xunta de Galicia e as principais entidades dedicadas á protección da infancia traballan para garantir a identificación e protección dos menores que cheguen de Ucraína fuxindo da guerra na que está inmerso o seu país. O director xeral de Familia, infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, celebrou un primeiro encontro con representantes de Unicef, Cruz Vermella e a de Organizacións da Infancia de Galicia (POIG) en San Caetano.
Así, esta xuntanza serviu para sentar as bases dunha acción conxunta cuxo obxectivo é garantir a identificación de todas as nenas, nenos e adolescentes que cheguen á nosa Comunidade, e coordinar actuacións dirixidas tanto á regularización da súa situación administrativa -para facilitar a súa estancia en Galicia-, como a evitar posibles casos de desprotección.
Neste sentido, a Xunta de Galicia e as diferentes entidades coinciden en que a prioridade é que os menores permanezan sempre no seu núcleo familiar e non separalos das súas familias, na liña do que recomendan todos os organismos internacionais. En todo caso, a día de hoxe a Xunta de Galicia non ten constancia de ningún caso de nenos, nenas ou adolescentes procedentes de Ucraína que se atopen en situación de desamparo na nosa comunidade.
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica sinalou a importancia de que todas as accións individuais destinadas a ofrecer axuda aos menores que cheguen de Ucraína se fagan dun xeito coordinado e planificado. Para este fin o Goberno galego seguirá a traballar en coordinación coas entidades especializadas neste eido para difundir un conxunto de directrices que sirvan de guía de actuación para todas aquelas persoas que queiran achegar recursos para o acollemento destas nenas, nenos e adolescentes..
Escolarización dos nenos ucraínos
O Goberno galego tamén garante a escolarización inmediata dos nenos ucraínos en idade escolar, a través dun procedemento extraordinario de incorporación ás aulas formalizado nunha resolución remitida aos centros educativos.
O obxectivo é poñer o sistema educativo galego á disposición destas familias para que os nenos en idade escolar non vexan interrompida a súa formación académica ao tempo que favorecer a súa integración o máis axiña posible. Trátase, pois, de impulsar unha folla de ruta que favoreza a integración nas comunidades escolares e harmonice a resposta nos distintos centros educativos de destino. A día de hoxe xa están escolarizados 25 nenos en 17 centros de 13 concellos, cifra que vai ir en aumento nos vindeiros días.
Neste senso, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de emitir unha resolución dirixida aos centros co fin de clarificar o procedemento de escolarización a seguir para estes casos e ofrecer seguridade e certeza aos equipos directivos. Deste xeito, os centros poden proceder á escolarización inmediata dos nenos de entre 3 e 16 anos, a través dun procedemento extraordinario dun máximo de tres días desde que se recibe a petición por parte da familia ou das persoas ou entidades sociais ou municipais acolledoras.
Así mesmo, ponse á disposición do colectivo ucraíno recursos e servizos como o transporte escolar e o servizo de comedor gratuíto para todos os alumnos acollidos que o precisen, así como o acceso a libros e material escolar.
Para facilitar a integración e a máxima normalidade dentro deste contexto excepcional, a Consellería está traballando nun Plan de Acollida no que se concretará a dotación de recursos e a dotación estritamente académica.