Aberto o prazo para inscribirse no 8º Concurso de Maios
A Concellaría de Cultura retoma o Concurso de Maios por oitavo ano consecutivo.
A Concellaría de Cultura retoma o Concurso de Maios por oitavo ano consecutivo con motivo da celebración da Festa das Flores.
Así, a última edición do concurso foi celebrada no ano 2019.
Os maios participantes serán expostos na Avda. do Balneario o sábado 27 de maio co fin de festexar a chegada da primavera, promover a tradición, o respecto á natureza e fomentar a creatividade e o goce polo artístico.
As bases reguladoras do concurso foron publicadas onte, 2 de maio de 2023, no BOP.
Mantense a existencia de dúas modalidades:
§ Maio Tradicional: o que representa formas de pirámide, cono ou cruceiro elaborado con materiais naturais, tradicionais e típicos de Galicia (madeira, flores silvestres, froitas, xestas, musgo...)
§ Maio Artístico: o que recrea figuras humanas, escenas cotiás, monumentos, obras de arte ou a representación libre dos maios, podendo utilizar calquera tipo de material.
As súas medidas deben oscilar entre 1,5 e 2 metros de altura e cada modalidade está dotada cun único premio de 400 €, concedéndose un premio especial para centros educativos, tamén de 400 €. Ademais, concederanse premios de 100,00 € pola participación logo da comprobación e estudo, por parte do xurado competente, de que o Maio está debidamente elaborado. O número de maios non poderá exceder de 22, polo que serán admitidos por rigorosa orde de inscrición.
As inscricións dos participantes faranse por sede electrónica (https://sede.arteixo.org/sxc/es/) ou no SM de Cultura, antes das 14:00 h do día 19 de maio de 2023.