“É inviable que as obras pendentes do AVE rematen a finais de 2019”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que é totalmente inviable que as obras pendentes do AVE rematen a finais de 2019 e reclamou ao Goberno central que dea información sobre os prazos reais. Esta é a conclusión que se extrae dun informe coñecido polo Consello da Xunta sobre o nivel de cumprimento dos compromisos do Goberno para as obras na liña de alta velocidade entre Galicia-Madrid e na liña Lugo-Monforte-Ourense.
Para acadar o “obxectivo de país” de reducir o tempo de
viaxe desde Galicia e Madrid a través de tren de alta velocidade, lembrou
Feijóo, na última década a Xunta mantívose nunha posición de “exixencia no
cumprimento dos prazos e lealdade institucional cando hai dificultades”.
Nesa liña, a Xunta asumiu que era o seu deber seguir de primeira man a evolución das obras do AVE, tras “soportar atrasos, demasiados enganos e algún ataque que outro en función do Goberno de turno”, sinalou Feijóo, que tamén incidiu na transparencia e na necesidade de informar aos galegos de como está o tren de alta velocidade.
Así se fixo cando no ano 2016 se elaborou o primeiro informe sobre o grado de execución das obras do tren de alta velocidade ante a situación de bloqueo político que se viviu en España. Naquela ocasión, o informe contrastouse co Goberno central, que fixou o obxectivo de que as obras estivesen finalizadas a finais de 2019.
Segundo informe
Posteriormente, en xuño de 2018 o Consello coñeceu un
segundo informe que acreditaba que o cronograma fixado para o remate a finais
de 2019 era viable e realista. De feito, o hoxe presidente en funcións, Pedro
Sánchez, confirmou que o Goberno estaba en disposición de cumprir os prazos
comprometidos, algo que ratificaron posteriormente tanto o ministro de Fomento
como a presidenta de Adif.
Sen embargo, “menos de un ano despois desas manifestacións, e cando estamos a 60 días de vencer o prazo, os galegos carecemos de garantías de que este prazo se vaia cumprir e, ao contrario, consideramos que existen razóns de preocupación”, lamentou o presidente da Xunta.
Segundo o informe elaborado pola Consellería de
Infraestruturas e Mobilidade, con toda probabilidade, a posta en servizo do
treito Zamora-Pedralba da liña Galicia-Madrid non se producirá neste ano 2019 e
se atrasará ata ben entrado o 2020, dado que se produciu un notable retraso
sobre o prazo previsto de finalización das obras e de inicio das probas. De
feito, o tren laboratorio de Adif non empezou a circular nese tramo ata xuño de
2019, isto é, seis meses despois do estipulado.
No tocante á liña Pedralba-Ourense, cuxo completo remate se comprometeu para finais desde ano 2019, detéctanse certas incertezas en relación cos prazos previstos para a execución das bases de montaxe así como os prazos dos contratos de subministro de material. Pero considérase especialmente preocupante o grao de execución da montaxe de vías, especialmente na vía esquerda e, ademais, detéctanse considerables atrasos na electrificación e nos traballos de control de seguridade dos túneles.
Fora de plazos
No que respecta á liña Ourense-Monforte-Lugo, o presidente sinalou que o único contrato licitado nos últimos 16 meses afecta aproximadamente ao 15% da liña e o 85% restante non está nin licitado. Dado que o prazo previsto de execución do único contrato licitado é de 20 meses, “é inviable que no ano 2021 a electrificación da liña estea finalizada”, sinalou Feijóo, tendo en conta que non hai ningunha obra en execución nesa liña.