Máis de dous millóns de euros para os centros comerciais abertos e prazas de abastos
A través desta convocatoria, que se publica o 24 de abril no Diario Oficial de Galicia, apóianse diferentes actuacións coas que, tal e como indicou Vázquez Abeal, “atraerán nova clientela e mellorarán os servizos que ofrecen”. Así, as asociacións de comerciantes poderán obter apoios para campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa, ademais de axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.
O programa, ao que se levan destinado máis de 10 millóns de euros nos últimos catro anos, enmárcase na estratexia da Xunta para impulsar o comercio, “un importante elemento dinamizador das vilas e cidades galegas e un sector de relevancia para a reactivación económica”, apuntou Vázquez Abeal. A directora xeral sinalou que o traballo da Consellería de Economía e Industria neste eido se centra na mellora competitiva do comercio de proximidade, apostando pola súa modernización e calidade, apoiando a renovación das infraestruturas comerciais ou promovendo o asociacionismo.
O obxectivo da convocatoria que hoxe se pon en marcha, destacou Vázquez Abeal, é superar os resultados de 2012, cando obtiveron apoios os 52 centros comerciais abertos galegos e 24 asociacións de prazas de abastos. Isto permitiu a posta en marcha de máis de 300 actuacións de dinamización comercial que redundaron no beneficio dos máis de 5.000 pequenos comercios agrupados nestas asociacións.
Como novidade, este ano prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, e tamén se valoran de xeito especial as actuacións que beneficien ás familias numerosas, entre outros criterios de valoración.
As axudas, que poderán solicitarse durante o prazo dun mes a partir de mañá, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados.
No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros. Avánzase así na estratexia que desenvolve a Consellería de Economía e Industria para consolidar os mercados como referentes na venda de produto fresco e de calidade, apostando por prazas “onde se leve a cabo unha venda moderna, con servizos, diversidade e excelencia”, tal e como subliñou Vázquez Abeal, “ao tempo que se dá resposta ás novas demandas dos consumidores”.
A directora xeral de Comercio recordou que, dentro da estratexia integral de apoio ao comercio de proximidade da Consellería de Economía e Industria, están nestes momentos en marcha diferentes iniciativas de dinamización, como as campañas “Presume de praceiro/a”, orientada á posta en valor do traballo destes profesionais, ou “A semana do teu comercio”, que realza o labor dos CCAs e recoñece a traxectoria dos comercios máis lonxevos.