Centros de Arteixo, Oseiro e Pastoriza na mellora do éxito escolar
O CEIP Ponte dos Brozos, CEIP de Galán, IES Manuel Murguía e IES de Pastoriza son parte dos contratos-programa dirixidos á mellora do éxito escolar no ensino público en educación infantil, primaria e secundaria para o curso 2019.
Serán en total 635 centros galegos os que desenvolvan 2.326 accións nalgunha das 9 liñas de actuación Na provincia da Coruña, un total de 216 centros desenvolverán 780 accións.
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicó o número de centros implicados na provincia, increméntase deste xeito nun 5,4% fronte aos 205 participantes do curso pasado, que desenvolveron 566 accións. Aínda así, a Consellería atenderá todas as demandas de profesorado externo adicional para desenvolver estas iniciativas, contratando 167 profesores e profesoras.
Liñas de actuación
Tras as modificacións realizadas na convocatoria para este
curso 2019/20 as 9 liñas de actuación quedan tal e como se describe a
continuación.
A liña 1, REFÓRZA-T, ten como obxectivo mellorar o
rendemento académico do alumnado con dificultades, por medio do traballo ou
apoio organizado fóra do horario lectivo, para a adquisición das destrezas
básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario
e ás esixencias das diferentes áreas e materias do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º
de educación primaria, de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria e de
formación profesional básica. Entre outras competencias, reforzaranse as destrezas
matemática, en ciencia e tecnoloxía e en comunicación lingüística.
A liña 2, de Mellora das competencias clave, centrarase en
traballar a competencia matemática e
competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e a competencia en comunicación
lingüística das linguas curriculares impartidas no centro, co fin de mellorar
os resultados e elevar os niveis de éxito escolar. As medidas incluídas nesta
actuación serán desenvolvidas por profesorado do centro dentro do horario
lectivo. O alumnado destinatario é todo o de Primaria, ESO e FP Básica.
Ao abeiro da liña 3, unha das novidades deste ano, IGUÁLA-T,
desenvolveranse accións que interveñan no fomento da coeducación, promoción da
igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, prevención e tratamento da
violencia de xénero, promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual,
prevención e tratamento da LGBTIfobia e outras medidas semellantes.
O seu obxectivo é traballar na escola os valores que fomenten a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a prevención da violencia contra a muller e as actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero. Esta modalidade vai dirixida ao alumnado de todos os centros que poden participar na convocatoria.
Liñas 4, 5 y 6
No caso de CON-VIVE, liña de actuación número 4 e tamén nova
neste curso, ten como obxectivo identificar as incidencias relacionadas coa
convivencia no seo da comunidade educativa e promover a súa solución e a
creación dun bo clima nas aulas.
Para iso estimularanse as competencias emocionais no
alumnado (a través de obradoiros de habilidades sociais, de autocoñecemento e
outros similares), mellorarase a competencia social e cívica (CSC) e
impulsarase a participación colaborativa das familias e doutras institucións e entidades
na mellora da convivencia escolar. Esta modalidade vai dirixida tamén ao
alumnado de todos os centros que poden participar na convocatoria.
A través da última das liñas novidosas, a 5, INCLÚE-T,
desenvolveranse medidas que fomenten e melloren a inclusión no centro dirixidas
á atención á diversidade, á inclusión educativa do alumnado, á colaboración con
asociacións que traballan na diversidade funcional, ao fomento de recreos
igualitarios e inclusivos, ao desenvolvemento de dinámicas de traballo cooperativo
e á creación de escolas de nais e pais, e outras medidas semellantes.
Entre os seus obxectivos están favorecer a inclusión dos colectivos máis desfavorecidos, como o alumnado inmigrante, o retornado ou que está en risco de exclusión social e promover medidas que fomenten a inclusión, desenvolvendo estratexias referidas á inclusión e a equidade educativa. O alumnado destinatario é o mesmo que o das liñas 3 e 4.
Prevención do abandono escolar
Nesta convocatoria a liña 6 diríxese á Prevención do
abandono temperán e do absentismo escolar, e terá como finalidade atender o
alumnado con menor motivación para aprender, de xeito que se lle ofrezan
respostas adaptadas ás súas posibilidades e aos seus intereses, para seguir
avanzando na súa aprendizaxe, diminuíndo o risco de abandono ou desinterese.
Deste xeito, búscase diminuír o abandono e aumentar as posibilidades de éxito
escolar no ensino obrigatorio.
Para iso desenvolveranse medidas específicas nos centros con menor índice de titulación ou promoción na educación secundaria e intervirase naqueles centros de primaria e secundaria con maiores taxas de abandono escolar temperán. Ao mesmo tempo impulsarase a coordinación entre organizacións e institucións da contorna.
Liñas 7, 8 e 9
A Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia
será o obxectivo da liña número 7, que trata de dar resposta ao alumnado con
maior motivación para aprender, á vez que supón unha medida de atención á
diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos
do alumnado, co fin de incrementar a excelencia. Ao abeiro desta modalidade
planificaranse diferentes obradoiros. Pódense canalizar a través desta vía as
semanas culturais ou científicas, a participación en programas educativos
externos ao centro e, en xeral, o traballo por proxectos.
A liña 8, de Mellora da calidade na xestión dos centros,
continuará centrándose na xestión administrativa, co fin de implantar un
sistema de xestión de calidade de cara á súa certificación e de desenvolver un
modelo de xestión que permita estandarizar procedementos comúns dos centros e
que permita facilitar a introdución de boas prácticas de xestión educativa.
Finalmente a liña 9, outra das reformuladas, está dirixida
ao Reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO. O seu desenvolvemento
suporá a creación de grupos de reforzo da Competencia matemática (PREMAT), da
competencia Comunicación lingüística das linguas curriculares impartidas no
centro (PRELIN) ou das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (PRETEC).