Moción nacionalista en contra de los recortes en la protección de las víctimas de violencia de género
Con fecha 31 de octubre, los nacionalistas de Arteixo adelantan una moción con motivo del 25 de noviembre. día de la no violencia contra las mujeres:
"MOCIÓN DIANTE DO 25 DE NOVEMBRO DE 2012, DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES, E CONTRA OS RECORTES NA PROTECCIÓN DAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Silvia Seixas Naia, concelleira do grupo municipal do BNG, presenta, ao abeiro do Regulamento, a seguinte moción para o seu debate e posterior aprobación na sesión plenaria ordinaria do mes de novembro
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Vivir sen violencia é un dereito. A violencia machista conculca os dereitos e pon en perigo a vida de moitas mulleres galegas, é a manifestación máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que persiste na nosa sociedade. A obriga das Administracións públicas é poñer os medios para erradicar a violencia de xénero e protexer ás vítimas.
Malia os esforzos realizados nos últimos anos, malia o desenvolvemento lexislativo, estamos a ver como o medre do paro e o desmantelamento dos servizos públicos está empobrecendo de xeito especial ás mulleres e afectando gravemente á nosa vulnerabilidade ante a violencia machista.
A dependencia económica é o maior dos obstáculos para as vítimas de violencia de xénero racharen coa relación que pon en perigo as súas vidas. Estamos a vivir recortes en programas e recursos imprescindíbeis para apoiar ás mulleres que deciden dar o paso: a axuda coñecida como salario da liberdade, chegou en 2010 a 369 mulleres e só a 251 en 2011.
A incerteza sobre a continuidade da gratuidade da xustiza e a suba de taxas xudiciais a particulares, que cuestionan o dereito á tutela xudicial, pode influír na decisión de interpoñer unha denuncia. Hai que lembrar que en Galiza, dende 2009 redúcense cada ano as denuncias, tanto en números absolutos de 6.068 en 2009, a 5.153 en 2011, como na porcentaxe que supón das denuncias no Estado, do 4,5% en 2009 ao 3,8% en 2011, sen que esta redución se poda achacar a unha redución da incidencia da violencia machista na sociedade galega.
O acompañamento das mulleres para accederen aos recursos e nos procesos xudiciais é garantía de seguridade para elas e pode evitar que o medo, a presión, as faga volver co maltratador. O persoal especializado e o voluntariado que realizan estas funcións vese tamén afectado polos recortes das axudas aos concellos e outras entidades.
Seguen sen desenvolverse medidas previstas na Lei 11/2007, relativas á implicación do SERGAS na detección, prevención e asistencia ás vítimas de violencia de xénero. Non se realiza na rede pública a atención psicolóxica de mulleres e crianzas afectadas. Unha atención fundamental para construír a autonomía persoal e iniciar unha nova vida.
Moitos concellos teñen sido pioneiros no desenvolvemento de medidas contra a violencia de xénero. Nestes momentos de dificultades orzamentarias débense manter e mellorar as actuacións contra a violencia de xénero e de protección ás vítimas. Débese tamén reclamar doutras instancias competentes, o cumprimento das obrigas, da garantía do dereito das mulleres a vivir sen violencia.
Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
A Corporación municipal asume o compromiso de manter e mellorar os recursos municipais de información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero.
A Corporación municipal insta ao Goberno Galego a:
Mellorar a dotación orzamentaria e facilitar o acceso ás axudas económicas a vítimas de violencia de xénero.
Desenvolver tal como sinala a Lei 11/2007 a atención psicolóxica a mulleres e crianzas na rede sanitaria pública, dotándoa dos medios materiais e humanos precisos.
Garantir a tutela xudicial das vítimas evitando a disuasión económica das taxas xudiciais
A Corporación municipal acorda dar traslado deste acordo ao presidente da Xunta de Galiza, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galiza.
Silvia Seixas Naia/ Arteixo, 31 de outubro de 2012